A Plataforma en Defensa das Árbores valora os últimos acontecementos en Ribadeo

AMariñaXa
A agrupación cidadá destaca algúns avances e sinala erros na xestión municipal
tala-arbores-concello-ribadeo-2025--1
19 Feb 2025

O pasado mércores 12 de febreiro celebrouse unha nova asemblea da Plataforma en Defensa e Protección das Árbores, na que se acordou publicar unha nota informativa sobre a valoración das últimas novas en Ribadeo. A plataforma destaca algúns movementos e declaracións do Concello que reflicten o impacto da súa acción, pero tamén sinala aspectos preocupantes na xestión municipal.

Un dos primeiros puntos que subliñan é a declaración do alcalde, segundo a cal non se van retirar os colectores das vivendas sociais. A Plataforma considera isto unha boa nova e atribúe a decisión á mobilización da veciñanza e á recollida de sinaturas realizada nos últimos días.

Outro aspecto que salientan é a retirada de maleza nalgunhas zonas, como xunto ao restaurante San Miguel. Non obstante, critican que esta intervención provocou desprendementos de pedras e terra, o que suxire unha execución pouco coidada. Máis controvertida foi a fumigación dalgunhas palmeiras no parque o venres 7 de febreiro en plena choiva e con fortes ventos, o que, segundo a Plataforma, fixo inútil o tratamento e expuxo riscos ambientais e para a saúde pública.

A Plataforma tamén denuncia que a reforma da Praza de Pancho Maseda non deixou paso para ambulancias, a pesar de que o alcalde asegurara que era unha das razóns da obra. Segundo indican, o acceso previo quedou obstruído por un bloque de granito colocado para suxeitar bandeiras, o que cualifican de contradición na xustificación municipal.

Outro punto que chaman a atención é a referencia do alcalde ao teixo da igrexa de Arante, insinuando que puido sufrir algún dano no pasado. A Plataforma visitou o lugar e asegura que a árbore está en perfecto estado e luce esplendorosa, desmentindo calquera deterioro.

Finalmente, a agrupación lembra que segue sen haber información oficial sobre o proxecto de reforma do Parque Municipal e do Campo de Santa María. Polo tanto, anuncian que continuarán coas súas accións para preservar e mellorar as zonas verdes de Ribadeo e seguirán informando á cidadanía sobre calquera novidade. Nos próximos días farán pública outra nota co resultado da recollida de sinaturas vía internet.

0.16547703742981