A plataforma en defensa das árbores da vila de Ribadeo expón a entrevista co alcalde

AMariñaXa
Á concentración realizada asistiron "como mínimo 200 persoas" para amosar o malestar ante a corta de árbores
poda-arbores-ribadeo
9 Dec 2024

Un grupo de veciñas e veciños de Ribadeo decidiron constituirse na Plataforma para a Defensa das Árbores da Vila e do Concello “diante das repetidas cortas que se viñeron producindo nos últimos meses”. Nas xuntanzas deste colectivo, segundo expresan, decidiuse pedir unha entrevista ao alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e convocar unha concentración veciñal para deixar constancia do malestar  existente na sociedade ribadense. A dita concentración, que tivo lugar o martes 3 de decembro, asistiron “como mínimo unhas 200 persoas”.

“Da entrevista co Sr. Alcalde que se celebrou o mesmo martes e a que asistimos seis persoas  imos dar conta de seguido, se ben adiantamos que non é doado por ser unha entrevista que non tivo unha liña regular, con participación de todas e todos os asistentes e numerosos comentarios e valoracións persoais de difícil comunicación”, comentan.

Desde a Plataforma explican: “Segundo o Sr. Alcalde as cortas de árbores no Colexio Público foron realizadas tras un informe técnico por unha empresa acreditada. Deixando aparte que se alude á suposta infalibilidade dos técnicos cando non hai outros argumentos, debemos subliñar que o devandito informe – que xa coñecemos uns días antes por unha vía paralela – foi redactado pola mesma empresa que despois fixo a corta ordenada pola alcaldía. Só diremos que este procedemento de contratación entra  no que se chama un clarísimo conflito de intereses e que neste contexto os informes técnicos quedan autodescalificados sen entrar sequera a léelos como pode entender calquera estudante de segundo de Primaria. Pola outra banda temos acreditado con documentos oficiais que as que datas que figuran nalgún destes informes son posteriores ás cortas realizadas no colexio. Así, o Sr. Alcalde repetiu ata a saciedade as accións e omisións dos gobernos anteriores, insinuado que a nosa plataforma podería ter algunha relación cos partidos políticos ou persoas de gobernos anteriores. Á pregunta directa de se existe un   proxecto de reformas no campo de Sta. María e no Parque Municipal que suporían a corta de mais árbores, o Sr. Alcalde manifestou que non existía tal proxecto. Porén, ao día seguinte atopamos tres  declaracións á prensa e radio  do Sr. Alcalde dos últimos meses nas que afirma  que se van realizar reformas nos parques sen concretar. Diante de esta contradición, que nos abstemos de cualificar, estaremos á espreita de calquer movemento na liña de novas cortas de árbores e esiximos que se publiquen eses proxectos e non se actúe por sorpresa como veu sucedendo”.

Asemade preguntóuselle ao rexedor sobre “un suposto proxecto  de cortar as sete árbores que existen enfronte das vivendas sociais, na rúa Clemente Martínez Pasarón” e  respondeu, segundo expoñen desde a Plataforma, que existía ese proxecto, que se ían suprimir os colectores de lixo subterráneos por motivos “técnicos” e que non se ían cortar as árbores pero non presentou o proxecto nin prometeu presentalo ao público.

Nos próximos días anunciarán un acto público para informar e debater sobre este asunto e anuncian que seguirán loitando por evitar que “se produzan mais cortas de árbores inxustificadas no concello de Ribadeo e que se publiquen os proxectos de obras que podan afectar ao benestar, a calidade de vida da veciñanza e á imaxe de un Ribadeo verde, moderno e humanitario”.

0.14305996894836