A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública anuncia unha manifestación para o día 28

TerraChaXa | AMariñaXa
8 Mar 2019

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña anunciou a convocatoria dunha gran manifestación en Burela o día 28 ás 19:30 horas con saída dende o hospital da Mariña para rematar na plaza do Concello.
A mobilización responde ao lema A Mariña pola sanidade pública, aquí, agora e sempre, en clara alusión ao lema que ilustran as camisetas solidarias que este colectivo comercializa, e que fan referencia "á sanidade de proximidade que reclamamos para a comarca, en concreto polos recortes especialmente na atención primaria". Cada martes na maioría dos centros de saúde da comarca realízanse paros de cinco minutos en protesta pola falta de medios e polos recortes.
Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña comentan que se vai cumplir un ano da aprobación da reforma da Lei de Saúde, reforma aprobada polo Partido Popular en solitario, "desoíndo o gran movemento de contestación social que culminou cunha masiva manifestación en Compostela".
"Neste tempo a atención primaria, que xa viña acusando un deterioro progresivo, acelerou o seu esmorecemento pola falta de persoal de enfermería e o non respecto ao ratio dunha praza de medicina por outra de enfermería; a privatización do almacén; non se substitúen aos profesionais de baixa ou con vacacións e a ruptura do concerto que o Sergas mantiña cunha clínica privada para atender a demanda de logopeda en pacientes maiores de 6 anos e a fisioterapia, o cal deixa sen atención a centos de pacientes", aclaran.
Na atención hospitalaria engaden que tamén perderon calidade, xa que aínda que se ampliou o espazo, que era a condición para que puxeran a resonancia fixa, seguen sen ela e tampouco teñen densitometria ósea, nin aparello para facer radiografías panorámicas dentais ou electromiografías. "O hospital de día oncohemátolóxico trasladouse para a parte nova, pero non se contemplou a creación da consulta de enfermería oncolóxica. Tampouco contemplase a dotación dunha consulta de cirurxía vascular que evite desprazamentos innecesarios a Lugo para probas ou intervencións simples. Ademais o servizo de rehabilitación conta cunha soa rehabilitadora e hai déficit estrutural de fisioterapeutas", conclúen.

0.15633296966553