A Plataforma de Afectados pola suba de tarifas da Residencia de foz pide unha mesa de negociación
A Plataforma de Afectados pola suba abusiva de tarifas da Residencia e Centro de Día de Foz fai pública a súa valoración da situación á luz da paralización da nova concesión ditada polo Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia, e a resposta dada á mesma dende o Concello. Para eles confirma a liña de conduta seguida polo alcalde ata este momento, “caracterizada por unha combinación de falta de sensibilidade social e transparencia, abundancia de solucións chapuceiras, improvisación e medias verdades, e total ausencia de diálogo real cos afectados”.
Para eles a resposta dada dende o Concello consiste “en minimizar o asunto e botar balóns fora, responsabilizando a outros -neste caso á empresa que presentou o recurso-, das consecuencias dos actos do propio Concello, ao apuntar no sentido de que estamos diante dunha escura estratexia empresarial. Un suma e segue na dinámica das cortinas de fume”. Aseguran que revisaron a información e están segurods de que “é falsa a afirmación do alcalde de que o Tacgal lle deu a razón ao Concello nos tres recursos anteriores presentados. Só hai que repasar a detallada nota que este remitiu aos medios o pasado 22 de maio, na cal pode lerse que, en novembro de 2023, o mesmo Tribunal estimou un recurso presentado pola actual concesionaria”.
Aseguran que “o que selectivamente oculta a nota son as causas e as súas consecuencias, que non son menores: naquela ocasión, o Tacgal directamente anulou a concesión porque os pregos de licitación -elaborados polo Concello co asesoramento da mesma consultora que preparou o estudio de viabilidade económica-, eran contrarios á lei xeral de contratación pública. Agora anula o acordo do Pleno porque non se cumpriron as regras que para a concesión establecían os pregos. “É dicir, o Concello incumpriu a súas propias normas: diante dunha puntuación moi alta, que automaticamente convertía a oferta en anómala, a Mesa de Contratación debería ter recadado unha serie de informes adicionais, o cal non fixo”.
Lamentan que unha Mesa de Contratación “na que o único representante político é Francisco Cajoto, algo rechamante pois, tratándose como se trata dun contrato que ronda os 10 millóns de euros, nin a oposición nin tan sequera os seus socios de goberno ou outros concelleiros do seu propio partido acompáñano na mesma”. Isto para eles exemplifica á perfección “a falta de transparencia, rigor técnico e diálogo que vimos denunciando”. Aseguran que este novo escenario xera aínda mais incerteza e inquedanza, “cuns prazos para a súa resolución que nin o propio alcalde é capaz de concretar, clara mostra da improvisación e fuxida cara a adiante na que leva embarcado dende fai máis dun ano”.
Porén, ao ser necesario que a licitación volva de novo ao Pleno municipal, “ábrese a posibilidade de que se reconsideren os termos da concesión, dando nela cabida á detallada e fundamentada proposta que presentamos. Tal proposta, como é sabido, foille entregada por escrito tanto ao alcalde como ás agrupacións e executivas locais dos tres partidos con representación na corporación municipal de Foz, sendo a executiva da súa formación política a única que non realizou nin o mais mínimo acercamento a nós para analizar conxuntamente as nosas reivindicacións”. A Plataforma, ratificando a súa disposición ao diálogo, dirixirase tamén, directamente, á Concelleira de Asuntos Sociais, quen ten delegadas as competencias municipais nesta materia coa fin de que convoque unha mesa de negociación con anterioridade á celebración do Pleno no que novamente terá que tratarse a concesión.