A Plataforma de Afectados pola suba das tarifas da residencia de Foz esixe unha nova reunión

Foz
AMariñaXa
O colectivo denuncia a resposta por parte do alcalde ás súas propostas
maiores-residencia-coidado-saf
2 sep 2024

A Plataforma de Afectados pola Suba Abusiva de Tarifas na Residencia e Centro de Día de Foz esixe de novo unha reunión para abordar a problemática e denuncian a resposta por parte do alcalde ás súas propostas. Tras diversas reunións co alcalde e a concelleira de asuntos sociais, o 18 de xuño presentaron no rexistro do Concello de Foz un escrito no que se resumían as que, para eles, poderían ser algunhas das solucións á situación. Con elas pretendíase instaurar un punto de partida para unha negociación e solicitábase  que os servizos xurídicos do Concello fixesen una avaliación das mesmas.

Aseguran que dous meses e medio despois, o 27 de agosto, a Plataforma recibiu unha resposta escrita. “O tempo que se tomou o señor alcalde en contestarnos contrasta coa febril actividade que despregou os pasados días 4 e 5 de xullo para que se eliminase canto antes calquera obstáculo para a firma do novo contrato que tanto ansía: en menos de 24 horas non tivo ningún problema en dispor dun detallado informe xurídico para avaliar a documentación que lle fora presentada por unha das empresas licitantes”, aseguran.

En calquera caso, afirman que a resposta recibida non aporta nada novo, mais alá do feito de que “deixa caer algunhas perlas sobre a forma en que está constituída esta plataforma. O cal non deixa de ser un patético -case que infantil- intento de restar lexitimidade a actuación da mesma”. Engaden que no escrito non se aborda a viabilidade das propostas, nin tampouco  se poñen enriba da mesa alternativas ás presentadas por eles. “O alcalde limítase a facer o que sempre fai, en este e en calquera outro asunto do día a día do noso Concello: sinalar como culpables de toda a situación a outras administracións públicas e a outras formacións políticas e non preocuparse polas xustas demandas das súas veciñas e veciños”.

Sosteñen que ademais, reclama que o colectivo sexa quen aporte, “pagada do seu peto, unha avaliación xurídica de cales son as medidas que poden ou non poden aplicarse a un servicio público titularidade do Concello. É máis, sen ningún tipo de rubor afirma que nós nos comprometeramos a isto, o cal e rotundamente falso”. Engaden que se lles pediu  un borrador da nova ordenanza. Para eles resulta alarmante que teña que explicárselle a un alcalde que, si o Concello é competente para aprobar unha ordenanza, tamén o é para modificala, cuestión que solicitan.

“Non estamos a pedir un aumento do gasto, nin que se asuma por parte do Concello a totalidade da suba das tarifas, senón que se modifiquen os requisitos para o acceso ás axudas”. Para o colectivo, todo se reduce á vontade política de levalo a termo, “vontade que está claro que non ten, e que empezamos a pensar que podería deberse a que o Concello, por unha xestión económica desatinada, carece de capacidade financeira real para afrontar o pago dos 270.000 euros comprometidos”.

Os integrantes da Plataforma ratifican a decisión das familias de chegar ata onde sexa preciso para que as reivindicacións sexan atendidas, o que podería implicar, no seu momento, a negativa a firmar os contratos individuais coa nova concesionaria, si previamente non se habilita por parte do Concello unha solución satisfactoria a cuestión das tarifas. Esixen que por parte do alcalde se convoque unha nova reunión, na que estean representantes do PP e do BNG, e que se celebre antes de dez días. “Un prazo que non é caprichoso, senón que responde o feito de que canto máis se alarga a situación, maior é a angustia que se está a provocar os nosos maiores”. Así mesmo, nos próximos días solicitaranlle ó secretario xeral do PSdG-PSOE na provincia de Lugo que os reciba.

 

0.18858098983765