A Plataforma de Afectados pola suba abusiva de tarifas na residencia e centro de día de Foz denuncia accións do Goberno

Foz
AMariñaXa
Din que se o Concello tivera aceptado a proposta inicial da Plataforma, "estariamos a falar dun menor custo para o Concello"
residencia foz
6 Out 2024

A Plataforma de Afectados pola suba abusiva de tarifas na residencia e centro de día de Foz denuncia que as afirmacións dalgúns membros do Goberno local son "mentira", con respecto ao custo para o Concello. Así, dixeron que os servizos de residencia e centro de día de Foz ascende a uns 700 mil ao ano.

Porén desde a Plataforma explican que ao manter unha reunión con representantes do Concello, estes trasladaron que o custo mensual oscilaba entre 27 e 31 mil euros mes, que multiplicado por doce meses resulta un importe anual duns 345 e 350 mil euros, "por tanto son falsas as cifras que se están publicando".

Ademais, din, estas cantidades estanse pagando desde xaneiro 2023, xa que anteriormente o custo por parte do Concello era nulo, porque as tarifas que pagaban os residentes eran suficientes para o custo do servizo. "Isto resultou así debido a unha nefasta xestión o non sacar a licitación o servizo con anterioridade a esa data".

Por outra banda, critican que se transmiten "unhas cantidades de gasto como que corresponden integramente os servizos da residencia e que son asumidos polo Concello, nos cales se inclúen tamén os custos do servizo do SAF e que son conceptos totalmente diferenciados. Os servizos do SAF son asumidos por case todos os concellos de Galicia e teñen un tratamento similar en todos eles, unha parte págaa a Xunta, outra o usuario e a diferenza os concellos, pero resulta rechamante que estes custos se mesturen cos da residencia, o cal é totalmente falso e dá lugar a interpretacións erróneas", sosteñen.

Ademais, din que se o Concello tivera aceptado a proposta inicial da Plataforma, que consistía en incrementar as tarifas actuais nun 20,2 %, "estariamos a falar dun menor custo para o Concello, duns 180 mil euros por ano, cantidade que se iría actualizando, dado que na nosa proposta contemplábase tamén a revisión anual das tarifas resultantes en base ao IPC do ano anterior, proposta que nunca foi tida en consideración polos representantes do Concello, que prefiren que os actuais residentes paguen o 100% do custo resultante dun Estudo de Viabilidade, que está inflado nas distintas partidas de gasto nunha cantidade global que supera os 900.000 euros; ocultando os reais beneficios da empresa que resulte como adxudicataria do contrato".

E engaden: "A este respecto denunciamos tamén que os actuais residentes paguen as mesmas tarifas agora que os que se vaian a incorporar no ano 2030. Coa nosa proposta, o custo para o Concello ao final dos sete anos de duración do contrato sería mínimo. No que vai de ano, o custo sería menor nuns 75 mil euros, cantidade asumida polos actuais residentes de acordo con a citada proposta, a cal xamais se quixo valorar, nin negociar, por parte dos responsables do Concello", conclúen.

0.13343906402588