A planta de biorresiduos de Cervo entrará en funcionamento o 1 de xuño

AMariñaXa
As obras da nova planta de biorresiduos proxectada en Cervo, unha infraestrutura que se prevé que entre en funcionamento a finais deste ano
planta biorresiduos cervo
14 Maio 2023

Tras culminar a obra da planta de biorresiduos de Cervo, situada no polígono industrial de Cuíña, onde ocupa unha parcela de case 8.000 metros cadrados, esta instalación entrará en funcionamento o próximo 1 de xuño, data a partir da cal estará ao dispor dos 15 concellos que, a priori, utilizarán os seus servizos. É o caso de Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo e o coruñés de Mañón, aglutinando todos eles unha poboación de 69.331 habitantes.

Cun investimento próximo aos 6,4 millóns de euros, a planta de Cervo, que acollerá todo o proceso de compostaxe -pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento- disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica, ademais de 1.600 toneladas de material estruturante —é dicir, podas e restos de madeira-, estimando unha produción de 1.500 toneladas de compost cuxo destino será fundamentalmente a agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

A planta equipouse con novos e innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, e será autosuficiente desde a dimensión enerxética ao estar alimentada por enerxías renovables, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.

A normativa europea fixou no seu momento o 31 de decembro de 2023 como prazo límite para a implantación da recollida diferenciada da materia orgánica por parte dos concellos, os cales teñen as competencias para a súa xestión. Con todo, a Xunta propúxose axudar aos entes locais a dar debido cumprimento á lexislación vixente e, con tal fin, deseñou unha rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica que Sogama se encargou de executar.

A rede de infraestruturas complétase este ano

Esta rede estará conformada por 4 plantas de biorresiduos (Cerceda, na Coruña, –en funcionamento-; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense) e 13 plantas de transferencia (6 de nova construción e 7 sometidas a adaptación), que estarán preparadas para transvasar, ademais da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo) e negra (fracción resto recollida a través do contedor convencional), a materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e recollida a través do quinto contedor, de cor marrón.

Con esta rede, que conta cun investimento de 40 millóns de euros e está cofinanciada con 30 millóns polos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise da COVID-19, posibilitarase que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295 en total) dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.

0.060033082962036