A pista de pádel de Alfoz reabre as súas portas tras as tarefas de mantemento

AMariñaXa
O Concello convida á veciñanza a desfrutar da instalación deportiva, xa dispoñible para reservas nos medios habituais
Alfoz-pista-padel-nova-2025
27 Apr 2025

A pista de pádel municipal de Alfoz volve estar dispoñible desde este mesmo luns, tras concluírse os traballos de mellora e posta a punto da instalación. O Concello agradeceu a paciencia da cidadanía durante os días de peche e animou a todas as persoas interesadas a facer uso deste espazo deportivo, situado no corazón do municipio.

Desde o goberno local sinalan que “era necesario realizar pequenas intervencións para garantir o bo estado da pista e ofrecer un servizo axeitado e seguro aos usuarios”. Unha vez finalizadas as actuacións de mantemento, as persoas interesadas poden volver facer uso da pista reservando a través das canles habituais, tal e como se viña facendo ata o de agora.

O executivo municipal destaca a importancia de manter en bo estado as instalacións deportivas como ferramenta para fomentar hábitos saudables e facilitar espazos de encontro para a veciñanza. “A pista de pádel é unha das instalacións máis demandadas, e sabemos que moitas persoas estaban agardando a súa reapertura”, explican.

Dende o Concello anímase a facer uso da infraestrutura e lembran que o deporte “non só contribúe á saúde física e mental, senón tamén á convivencia e dinamización social do municipio”.

⚙ Configurar cookies
0.16628289222717