A piscina municipal de Trabada engade tobogáns para dinamizar o verán

O verán chega con novidades á piscina municipal de Trabada, que acaba de incorporar dous tobogáns co obxectivo de enriquecer a experiencia dos usuarios e fomentar a convivencia interxeracional. A iniciativa, promovida polo Concello, está especialmente dirixida á infancia e á mocidade, principais usuarias deste espazo durante a tempada estival.
Os novos elementos están xa dispoñibles para o público e supoñen un atractivo engadido ás instalacións, que se consolidan como un punto de encontro habitual para o lecer, o deporte e a socialización nos meses de verán.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que esta medida forma parte do compromiso do equipo de goberno coa mellora continua dos espazos públicos e deportivos do municipio: «Seguimos traballando para que as instalacións do noso concello sexan lugares agradables, modernos e ben equipados, pensados para que a veciñanza, especialmente a xente nova, poida desfrutar delas nas mellores condicións».
Desde o consistorio fan un chamamento a toda a veciñanza para achegarse e aproveitar esta nova proposta de lecer, que pretende dinamizar os días de calor cunha alternativa fresca, divertida e segura.