A piscina municipal de Cervo dá a benvida ao novo curso con 870 socios tras renovar as instalacións

AMariñaXa
A piscina municipal do Concello dá comezo ao novo curso coa asistencia de 230 persoas aos cursos, o que supón medio cento máis que o ano anterior.
piscina cervo
11 Out 2023

A piscina municipal do Concello dá comezo ao novo curso coa asistencia de 230 persoas aos cursos, o que supón medio cento máis que o ano anterior. Así o deu a coñecer a alcaldesa, Dolores García Caramés, e o edil de Deportes, David Rodríguez, durante a visita que fixeron á instalación na que compartiron un anaco cos nenos e nenas que asisten ao curso para crianzas de 3 anos, que comezou o pasado venres.

A organización desta actividade responde a filosofía da Administración local que pretende “promover a práctica deportiva no seu conxunto desde as idades máis temperás”, sinalaron. Ademais desta proposta, neste mes de outubro comezaron as clases de aquagym, así como os cursos para adultos e nenos/as nos seus diferentes niveis, desde iniciación a perfeccionamento.

Estas propostas organízanse nunhas instalación renovadas. O Concello fixo un importante esforzo inversor para mellorar as piscinas, xa que neste último ano destináronse máis de 30.000 euros “todos eles procedentes das arcas municipais”, recordou o edil de Deportes. En concreto, renovouse a maquinaria de cardio e reforzouse e mellorouse o material e equipamento de musculación.

Ademais da renovación integral do ximnasio, Caramés quixo destacar o aumento do número de socios que neste curso acada os 870. “Incrementamos en 60 o número de afiliados este ano o que é un bo síntoma da calidade da instalación que temos o privilexio de ter en Cervo e que é a única na provincia destas características”, asegurou a alcaldesa.

A rexedora tamén quixo poñer en valor o traballo dos profesionais municipais que se encargan de velar pola seguridade dos bañistas e de impartir os diferentes cursos. Un traballo “fundamental para garantir o bo funcionamento da nosa instalación que ano tras ano suma novas persoas usuarias que elixen a nosa piscina para practicar deporte”, engadiu.

0.14021301269531