A piscina de Cervo encherase de ritmo e elegancia coa exhibición final do Campus de Natación Artística

AMariñaXa
Este sábado, de 10:00 a 12:00 horas, o público poderá asistir á mostra de clausura do I Campus de Verán organizado coa Federación Galega de Natación
Cervo--I-Campus-de-Veran-de-Natación-Artistica-2025
18 Jul 2025

Cervo prepárase para vivir unha xornada moi especial este sábado coa celebración da exhibición final do I Campus de Verán de Natación Artística, que se está a desenvolver esta semana na Piscina Municipal Olímpica. A actividade está organizada en colaboración coa Federación Galega de Natación (FEGAN) e supón unha oportunidade única para achegar esta disciplina deportiva á comarca.

A cita será este sábado pola mañá, entre as 10:00 e as 12:00 horas, e estará aberta ao público, que poderá comprobar de primeira man os avances realizados polas participantes durante os días de formación. Será o colofón a unha semana intensa de aprendizaxe, adestramentos técnicos e ensaios coreográficos nunha modalidade que combina deporte e expresión artística.

Dende o Concello destacan o éxito desta primeira edición do campus, que contou cun bo número de inscritas e cun ambiente de traballo “moi positivo e motivador”. Segundo sinalan, “as rapazas están a desfrutar moitísimo e están preparando as coreografías con moita ilusión para amosarlles ás familias e ao público todo o aprendido”.

Durante o campus, as participantes están a traballar aspectos como a sincronización, a resistencia na auga e a interpretación, guiadas por monitoras especializadas da federación. O obxectivo, segundo a organización, é tanto iniciarse nesta disciplina como perfeccionar habilidades nun contexto de convivencia e deporte.

A exhibición de mañá converterá a piscina nun espazo escénico onde a música, o movemento e a auga se mesturarán para dar forma a un espectáculo visual que promete emocionar. Dende o Concello fan un convite á veciñanza para que se achegue á instalación e apoie co seu aplauso o traballo e a dedicación das mozas protagonistas desta experiencia pioneira.

⚙ Configurar cookies
0.11535596847534