A piques de rematar o programa de educación afectivo-sexual para rapaces da ESO de Burela
O vindeiro venres, 15 de febreiro, remata en Burela o programa de educación afectivo-sexual para rapaces e rapazas da ESO, que se veu impartindo nos centros de ensino desde o pasado mes de xaneiro.
A concelleira de Inmigración e Cooperación, Angélica Gómez, explica que “dende o Concello de Burela, concretamente dende a Concellería de
Inmigración e Cooperación, poxemos en marcha hai unhas semanas un programa de educación afectivo-sexual para os rapaces e rapazas de 14 a 16 da ESO”.
A edil burelesa dixo que “a necesidade da implementación deste proxecto xurde das inquedanzas manifestadas polos profesionais da educación dos centros de ensino secundario que coñecen de primeira man a realidade dos mozos e mozas e detectan a necesidade de desenvolver un programa de formación
afectivo-sexual dun xeito axeitado á súa idade, proporcionando formación
e información rigorosa, veraz e especializada por unha profesional de
recoñecido prestixio como é a psicóloga e sexóloga Raquel Graña, creadora
do programa de educación afectivo-sexual COÑéCETE para primaria e
secundaria”.
Angélica Gómez engadiu que “na sociedade actual na que, desafortunadamente, temos que enfrontarnos a temas tan complexos como a violencia de xénero, parécenos necesario abordar dende unha perspectiva integral a formación afectivo-sexual. Neste mesmo senso o programa aborda cuestións como a identificación dos estereotipos e crenzas sobre a sexualidade, os mitos do amor romántico, así como a influencia dos medios de comunicación sobre a imaxe corporal a xestión dos celos, así como a detección do abuso e o
control da parella.As clases tamén abordan métodos e estratexias para previr embarazos non desexados e enfermidades de transmisión xenital, e ofrecen consellos sobre hábitos de hixiene e autocoidado”.