A pequena Iria García Vila, de Foz, entre as gañadoras do certame galego Deseña unha xoia para a túa nai

Foz
AMariñaXa
O seu deseño foi transformado nunha xoia real por un profesional de Viveiro. Outros seis estudantes da Mariña chegaron á final dun concurso que promove a creatividade e a artesanía entre a mocidade
Foz-Iria-Garcia-nena-10-anos-desena-xoia
2 May 2025

Iria García Vila, unha nena de 10 anos e alumna do colexio Nosa Señora do Pilar de Foz, foi unha das doce premiadas na XV edición do certame autonómico Deseña unha xoia para a túa nai, unha iniciativa xa consolidada en Galicia para celebrar o Día da Nai a través da creatividade infantil.

O deseño de Iria non só destacou entre os milleiros de traballos presentados, senón que foi seleccionado entre os 80 finalistas para ser convertido nunha xoia única e real polo ourive profesional Óscar Joyeros, con obradoiro en Viveiro. Un agasallo inesquecible para a súa nai e unha experiencia moi especial para a pequena artista.

A comarca da Mariña tivo unha notable representación na final. Ademais de Iria, tamén acadaron postos de honra Adrián Abel Piñeiro, David Correa Cabana, Nerea Horta Pereira, Raquel Pichín Fernández e Alba Castro García, todos eles do mesmo centro educativo de Foz, así como Mar Fernández Ríos, do CEIP Santa Rita de Viveiro.

A entrega de premios celebrouse o pasado sábado 26 de abril, ás 12:30 horas, no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela. O acto contou coa presenza de representantes institucionais como a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez; e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, que acompañaron ás familias e aos finalistas nun día para lembrar.

Con esta edición, o certame suma xa 162 xoias únicas deseñadas por nenos e nenas galegos ao longo dos seus quince anos de historia. Unha iniciativa do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia e da Federación Galega de Xoiaría, coa colaboración da Xunta, que busca achegar o mundo da xoiaría á infancia, poñer en valor a creatividade e promover unha profesión que combina arte, técnica e emoción.

⚙ Configurar cookies
0.16124200820923