A Peña Deportivista Pardo de Cela rende homenaxe á historia do Dépor nunha xuntanza en Alfoz

AMariñaXa
A celebración incluíu unha animada comida de confraternidade, música en directo e discursos emotivos
xuntanza-alfoz
7 Jul 2025

A Peña Deportivista Pardo de Cela celebrou esta fin de semana en Alfoz unha nova edición da súa tradicional xuntanza, que reuniu a decenas de seguidores e seguidoras do RC Deportivo da Coruña nun ambiente marcado pola emoción, a camaradería e o orgullo polos colores branquiazuis.

O encontro serviu para conmemorar dous aniversarios moi especiais: os 27 anos de traxectoria da propia peña e o 25 aniversario do histórico título de Liga conquistado polo Deportivo, un fito que segue vivo na memoria de toda a afección coruñesa. A celebración incluíu unha animada comida de confraternidade, música en directo e discursos que evocaron a paixón e as lembranzas compartidas ao longo dos anos.

O grupo musical Son’s Varadero, de Foz, foi o encargado de poñer banda sonora ao evento cun repertorio moi aplaudido polo público asistente, que gozou dunha xornada festiva marcada polo espírito deportivista.

No acto tomaron a palabra Lionel Rexes, veciño de Alfoz e recoñecido seguidor do club; Carlos Carballal, vicepresidente da Federación de Peñas Deportivistas; Enrique Lorenzo, presidente da Peña Pardo de Cela; e Eliseo Lorenzo, concelleiro de Deportes de Alfoz. Este último quixo subliñar “o traballo feito polo presidente da peña para achegar á rapazada do municipio ao sentimento deportivista”.

A xuntanza reafirma, unha vez máis, a forza e a vitalidade da afección branquiazul, que mantén vivo o vínculo co club máis aló dos resultados deportivos ou do paso do tempo, demostrando que o sentimento deportivista segue moi presente nas comarcas lucenses.

⚙ Configurar cookies
0.18205523490906