A parroquia trabadense de Vilapena contará cun nova área recreativa
O Concello de Trabada quere ampliar a súa rede de áreas recreativas coa posta en marcha dunha nova na parroquia de Vilapena.
Para executar o proxecto, o concello solicitou unha axuda de concorrencia non competitiva (por orde de entrada) á Axencia de Turismo de Galicia. A orde foi publicada no día de onte e o prazo abríase hoxe ás 12:00 horas. O Concello de Trabada presentou a solicitude de 30.000 euros e a documentación requerida ás 12:02 horas.
A parcela na que estaría a área recreativa, de propiedade municipal, está situada moi preto do núcleo rural de Vilapena, na parroquia de Vilapena. Está ademais no inicio e no remate da Ruta Circular da Fraga da Vilapena.
“A proximidade da parcela a unha das rutas de sendeirismo máis importantes do concello pon en valor a súa conversión en área de descanso para veciños e visitantes”, explica o alcalde, Rubén García.
“A necesidade da intervención xustifícase principalmente nese uso frecuente da ruta e na proximidade ao núcleo de Vilapena, condicións que a converten no lugar idóneo para a creación da área recreativa e de descanso”, engade o alcalde de Trabada.