A Parroquia de Rúa presentou as festas da Candelaria que serán do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro
A parroquia de Rúa prepárase para acoller as tradicionais festas da Candelaria, que se desenvolverán durante a fin de semana do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro. O evento foi presentado pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polos membros da Comisión de Festas, Kevin e Roberto Balseiro, e por Míriam Villarquide, en representación da SD Candelaria.
Venres 31 de xaneiro: II Festa dos Callos e música en directo
A programación arrincará o venres coa celebración da II Festa dos Callos, organizada pola SD Candelaria, ás 21.00 horas. O evento terá lugar nunha carpa pechada e climatizada, adaptada para posibles inclemencias meteorolóxicas. Os tíckets, cun prezo de 12 euros por persoa, xa están dispoñibles en diversos establecementos hostaleiros de toda A Mariña.
A noite continuará cunha espectacular oferta musical a cargo da París de Noia, a Orquestra La Tremenda e a Discomóbil Conxuro, que animarán a festa ata altas horas da madrugada.
Sábado 1 de febreiro: Misa, procesión e sesións musicais
O sábado dará comezo cunha misa solemne ás 12.30 horas, acompañada polo coro de Cervo, seguida dunha procesión en honra á Virxe da Candelaria.
Ao remate, celebrarase unha sesión vermú animada pola Orquestra Compostela. Pola noite, a diversión continuará coa actuación da mesma orquestra, xunto coa Orquestra Metrópolis e a Discomóbil Conxuro.
Domingo 2 de febreiro: Día da Patroa
O domingo, día grande das festas, a programación relixiosa incluirá unha misa solemne ás 13.00 horas. A continuación, terá lugar unha macro sesión vermú a cargo do Grupo Fénix, que poñerá o broche de ouro a esta fin de semana festiva.
Palabras da alcaldesa e invitación á veciñanza
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou o traballo e esforzo da Comisión de Festas e da SD Candelaria para organizar unhas celebracións que, segundo indicou, “se prevén espectaculares”. Ademais, expresou o seu orgullo ao ver á mocidade involucrada, afirmando que “traballan con enerxía e entusiasmo para facer destas festas un evento especial para todos”.
O Concello de Cervo tamén quixo resaltar o compromiso das novas xeracións coa preservación das tradicións locais e convidou a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar destas primeiras festas patronais do ano. A programación está repleta de actos que combinan cultura, gastronomía e música, garantindo unha celebración inesquecible para todos os asistentes.