A parroquia de Mor convoca o II Concurso de Decoración de Fachadas de Nadal

AMariñaXa
A Asociación Veciñal impulsa unha nova edición que premiará as mellores propostas con 150, 100 e 50 euros
Decoracion-fachadas-Nadal
25 Nov 2025

A parroquia de Mor, no Concello de Alfoz, volverá encherse de luz e creatividade este Nadal coa segunda edición do Concurso de Decoración de Fachadas, unha iniciativa organizada pola Asociación Veciñal de Mor en colaboración co Concello. Tras o éxito da primeira convocatoria, a entidade aposta por consolidar unha proposta que busca “facer que a parroquia luzca bonita e especial nestas datas”, tal como sinalan dende a organización.

Segundo as bases, poderán participar todas as vivendas da parroquia, incluíndo fachadas, ventás, balcóns e mesmo xardíns, sempre que os propietarios sexan socios da Asociación Veciñal. Cada vivenda poderá presentar unha única participación, e a temática será totalmente libre, permitindo o uso de elementos decorativos do Nadal e iluminación exterior.

As decoracións deberán estar instaladas e visibles desde a rúa entre o 20 de decembro de 2025 e o 6 de xaneiro de 2026, período no que tamén realizarán o percorrido os membros do xurado para valorar todas as propostas. As visitas terán lugar do 26 ao 29 de decembro, en horario de tarde, co obxectivo de apreciar aquelas creacións que incorporen iluminación.

Para formalizar a participación, os veciños deberán enviar varias fotografías da súa decoración ao correo da asociación (asociacionvecinalmor@gmail.com) ou mediante WhatsApp ao número 657 10 95 92 antes do 24 de decembro. As imaxes poderán empregarse nos distintos canais de difusión da entidade organizadora.

O xurado, composto por persoas con coñecementos na materia, puntuará cada proposta cunha escala de 1 a 10 valorando criterios como a orixinalidade, o deseño, a iluminación e a elaboración de adornos feitos a man ou con material reciclado, un aspecto que sumará puntos adicionais.

Todos os participantes que cumpran as bases optarán a un dos tres premios establecidos: un primeiro premio dotado con 150 euros, un segundo premio de 100 euros e un terceiro premio de 50 euros.

O importe deberá gastarse en calquera establecemento comercial da parroquia de Mor nun prazo de dous meses.

O fallo será inapelable e darase a coñecer a través dos medios de comunicación habituais, ademais da correspondente comunicación telefónica aos gañadores.

⚙ Configurar cookies
0.071532011032104