A parroquia de Cervo celebrará o seu Entroido o día 3
A parroquia de Cervo celebrará o seu Entroido o domingo 3 de marzo; pero xa o sábado 2, como antesala do Gran Desfile, terá lugar o tradicional Play Back Infantil, ás 18:30 horas, no salón de actos do Concello.
A cita foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, e por Rafa Blas e Carlos Sanz, en representación de Airiños do Xunco.
Os participantes deberán concentrarse o domingo 3 de marzo, ás 17:00 horas, no Pavillón de Cervo para formalizar a inscrición no desfile.
Xa ás 18:00 horas está prevista a saída do mesmo polas rúas de Cervo. A continuación terá lugar a entrega de premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas; que recibirán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas de produtos típicos de Entroido.
Como gran novidade, nesta edición as persoas asistentes poderán desfrutar do gran espectáculo itinerante festivo TChyminigagua, procedente de Bogotá (Colombia); unha montaxe de comparsa, linguaxe teatral, acrobático e circense coa técnica patentada a nivel mundial de zancos en patíns, que non deixará indiferente a ninguén; e que se trata dunha aportación especial do Concello de Cervo para animar esta cita de Entroido.
As comparsas integradas por máis de 8 persoas, que se inscriban antes do 2 de marzo recibirán unha cesta de produtos típicos de Entroido de balde.
Para máis información os interesados poden chamar aos teléfonos 617 31 31 07 ou 982 55 76 13.