A pandemia non para o Rock Solidario
A covid-19 castigou a todos os sectores dun xeito ou de outro e, a música, pola súa banda, quedou sen actuacións en directo, sen presentacións de discos, sen festivais...
Malia a grave situación que afecta a aqueles e aquelas que viven das notas e dos pentagramas, en Ribadeo a caridade do Rock Solidario non se para. A iniciativa organizada polo músico ribadense Cherry, que na anterior normalidade trataba de recaudar fondos con concertos en vivo, adáptase este ano as circunstancias sanitarias.
Para rematar este gris 2020, os 18 grupos musicais de Ribadeo únense para sacar un recopilatorio en CD que contará con cancións orixinais e, moitas delas, inéditas. Un proxecto que nunca se vira no municipio, co que se pretende recaudar cartos que se doarán integramente aos Servizos Sociais.
Baixo o título En Ribadeo Cada un Soa ó Seu, o CD venderase en diferentes establecementos do Concello e xa se pode ver un pequeno avance seguindo o seguinte enlace.