A paixón polo rock cobra forza en Burela

AMariñaXa
Yoni Insua é o presidente da asociación musical A Cova do Can, un colectivo que impulsa a cultura e o espírito rockeiro na comarca
cova-do-can-asociacion-musical-burela-2025
8 Feb 2025

Por Ana Somoza

A paixón pola música e a necesidade de crear un espazo para compartir esa afección foron os motores que levaron ao nacemento da Asociación Musical Cova do Can en Burela. O que comezou como unha conversación entre amigos converteuse nunha iniciativa que hoxe conta con dezaoito socios e socias.

“Esta idea nace fai un ano nas típicas conversas de bar. Un grupo de persoas de Burela con intereses musicais polo Rock decidimos que nos apetecía tocar xuntas”, explican desde a asociación. Algúns xa estaban vencellados a bandas locais e querían recuperar esa paixón; outros, tocaban só na casa e buscaban compartir a experiencia en grupo. A solución era clara: xuntarse e gozar da música.

A motivación principal era “recuperar a paixón de tocar en grupo. Non é o mesmo tocar ou cantar só na casa que xuntarse con outras persoas nun local, sen maior compromiso que o de pasalo ben”.

UN NOME SINGULAR

O nome da asociación non foi casualidade. “Bautizar algo sempre é complicado”, recoñecen. Despois dunha “tormenta de ideas”, a inspiración veu dunha rúa histórica de Burela, a “rúa do can”. “Os cans son nobres, fieis e protectores, como a música rock. E como buscábamos un lugar onde refuxiarnos e tocar, a idea de cova encaixou perfectamente”.

O FUTURO

O obxectivo principal da Cova do Can é sinxelo: “Pasalo ben. Tocar xuntos, sacar cancións e tocalas con certa regularidade”. Ademais, queren participar en eventos musicais e fomentar a música Rock na contorna mediante iniciativas como un podcast ou actividades nos colexios e institutos.

Este ano, a asociación fará a súa primeira aparición musical na zona e colaborará co IES María Sarmiento de Viveiro nun curso sobre ensinanza de linguas a partir da música. Ademais, estudan organizar un evento especial dedicado ao rock no verán.

Desde a súa creación, a Cova do Can conta cun local cedido polo Concello de Burela, que apoia a iniciativa. “Desde que presentamos a idea, fixeron o posible por cedernos un local”, afirman. Con todo, recoñecen que o espazo ten limitacións: “Lemos que se van rehabilitar antigas edifiacións para crear locais para asociacións, e seguiremos o proceso moi de preto para solicitar un cambio”.

A asociación invita a todas as persoas interesadas a unirse, ben sexa como socio musical (para tocar ou cantar) ou como socio colaborador (para apoiar as actividades). “Temos redes sociais e unha páxina web onde poden seguirnos e asociarse”, explican.

A Cova do Can soña con que a súa iniciativa axude a revivir a escena musical local. “O rock nunca deixou nin deixará de existir”, conclúen.

0.17035603523254