A paixón de Dragon Ball chega a Mondoñedo cunha asociación pioneira en España

GaliciaXa | AMariñaXa
Jose Pablo Hernández lidera un proxecto que busca unir coleccionistas de todo o país e dar visibilidade a pezas únicas da mítica saga xaponesa
MONDO-Asociacion-Dragon-Ball-2025--1-de-dereita-a-esquerda-estamos-Cesar-Fernandez,-secretario;-Mayra-Rico,-tesoureira-e-Jose-Pablo,-presidente
De derecha a izquierda: César Fernández, secretario; Mayra Rico, tesorera; y Jose Pablo, presidente
7 Sep 2025

Por Ana Somoza.

O 8 de xullo de 2025 quedará gravado na memoria de Jose Pablo Hernández Maseda como unha data especial. Ese día constituíuse oficialmente a Asociación Española de Coleccionistas de Dragon Ball (ASESCODB), unha entidade que, segundo el mesmo conta, “levaba tempo xestándose e nacía dunha necesidade moi clara: ter un punto de encontro oficial para os coleccionistas da franquía en España”. Hernández, veciño de Mondoñedo, explica que a idea viña madurando dende había meses e que, sorprendentemente, “non existía ata agora unha entidade que representase oficialmente aos coleccionistas de Dragon Ball”.

A sede instalouse en Mondoñedo, algo que non foi casualidade. “É o meu lugar de residencia e parecíame o sitio perfecto. É un enclave cultural de referencia e quería demostrar que tamén desde unha cidade pequena poden xurdir proxectos grandes”, comenta. O proxecto arrincou da man de tres socios fundadores, unidos pola mesma paixón pola saga e polo coleccionismo. “Vimos que facía falta dar visibilidade ás nosas coleccións e decidimos dar o paso”, engade.

COLECCIÓN VIRTUAL, PATRIMONIO REAL.

A ASESCODB non é un museo tradicional, nin pretende almacenar todas as pezas nun mesmo lugar. “Temos catalogadas unhas 200 pezas, pero non buscamos reunilas fisicamente. O obxectivo é catalogar o que ten cada socio e organizar exposicións con aquelas pezas que cada un considere máis valiosas”, explica Hernández.

Entre esas xoias destacan as gomas monocromáticas de Matutano dos anos 90, a colección completa das series branca e vermella de Planeta DeAgostini en excelente estado, ou figuras de sorteos xaponeses “Kuji” practicamente imposibles de conseguir en España. Tamén hai pezas únicas, como un Funko Pop de Goku Super Saiyan asinado por Pablo Domínguez, actual actor de dobraxe do personaxe no noso país. “Cada peza ten a súa historia e podería escribirse un reportaxe enteiro só sobre algunhas delas”, asegura. O abastecemento de novas incorporacións chega “de todo un pouco: compras, doazóns, trocos ou colaboracións con tendas”, sempre coa intención de que “quen teña algo especial poida compartilo e mostralo”.

PRIMEIROS PASOS E GRANDES SOÑOS.

A actividade inicial céntrase en sorteos, concursos e exposicións en liña. “Cando esteamos máis asentados, queremos organizar eventos presenciais, charlas con referentes do mundo Dragon Ball e exposicións físicas máis amplas”, adianta o presidente. Participar en feiras ou encontros especializados é outra meta. “A curto prazo aínda non, pero a medio prazo queremos estar en eventos a nivel rexional e nacional”, afirma. Por agora, os encontros presenciais serán modestos e centrados na Mariña. “É unha cuestión lóxica de recursos e organización, pero a longo prazo queremos consolidar eventos de referencia a nivel nacional”, explica.

UNHA COMUNIDADE EN CRECEMENTO.

De momento, a ASESCODB está formada só polos tres socios fundadores, pero xa recibiron solicitudes de inscrición. “A web está en probas, esperamos abrir oficialmente a finais deste mes”, sinala Hernández. Entre os interesados hai coleccionistas de Madrid e doutros puntos de España, e mesmo chegaron mensaxes dende o estranxeiro.

O perfil dos membros é diverso: “hai coleccionistas veteranos que empezamos nos 80 e 90, nostálxicos coma min, e tamén xente nova que chegou pola serie Dragon Ball Super. O bonito é que todos conviven nesta paixón”.

O FENÓMENO DRAGON BALL.

Case corenta anos despois da súa creación, Dragon Ball segue cativando. “Adaptouse a cada xeración sen perder a súa esencia. Toriyama puxo alma na súa obra, e por iso os que medramos con ela seguimos enganchados”, reflexiona Hernández. O interese depende moito da idade: “os veteranos inclinámonos máis por Dragon Ball Z, mentres que a xente nova sente máis afinidade por Super”. O presidente da ASESCODB tamén lembra a importancia de Daima, “a última obra escrita por Toriyama antes de morrer, que ten un lugar especial no universo Dragon Ball”.

Sobre o coleccionismo, considera que “o momento é bo, aínda que cada vez hai menos pezas antigas no mercado e son máis caras”. As empresas seguen lanzando produtos novos, e o manga —o primeiro artigo co que moitos se iniciaron— vive “unha certa incerteza” tras a morte do creador. “Se se fan as cousas con respecto e paixón, seguirá medrando”, engade.

PROXECTOS EN MARCHA.

Entre os plans de futuro están ampliar a web, organizar máis sorteos e concursos para socios, celebrar eventos presenciais e colaborar con tendas ou marcas. A idea dun espazo permanente de exposición en Mondoñedo non está no horizonte inmediato, pero non se descarta a celebración de mostras temporais. “Xa estamos traballando en colaboracións con outras asociacións, museos e institucións culturais”, asegura Hernández. O primeiro sorteo xa ten premio preparado, “e iso é só o comezo”. Tamén se buscarán doazóns e novas alianzas para fortalecer a programación.

UN VÍNCULO PERSOAL E VITAL.

Para Jose Pablo Hernández, Dragon Ball é moito máis que unha serie. “Recordo vela ao chegar do colexio no Xabarín Club, pero namoreime do universo cando meus pais me regalaron un cómic mentres estaba ingresado no hospital. Foi o meu primeiro cómic e devoreino. A partir de aí aforraba as 175 pesetas que custaba para comprar o seguinte cada semana”, relata. Os valores que transmite —amizade, esforzo, constancia— marcaron tanto que leva ambos brazos tatuados con motivos da saga. “Forma parte da miña vida”, afirma sen dúbidas.

Entre as súas anécdotas destaca unha viaxe a Xapón, onde buscaba unha figura moi concreta. “Entre nas tendas grandes e nada. O último día, xa case sen esperanzas, vin unha tenda pequeniña en Akihabara que me chamou a atención. Alí estaba, como se me estivese agardando. Sigue na súa caixa orixinal, sen abrir, coma moitas outras”, lembra cun sorriso. Hernández insiste en que a ASESCODB é un proxecto colectivo e con vocación nacional, pero que nace con orgullo desde Mondoñedo. “Queremos que todos os fans e coleccionistas, sexan de onde sexan, se sintan parte desta familia”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.16486215591431