A Orquestra de Cámara Galega actúa de balde este sábado en Mondoñedo
A Catedral da Asunción en Mondoñedo acollerá este sábado, 24 de setembro, un novo concerto da Orquestra de Cámara Galega dentro do ciclo que están a desenvolver por toda Galicia e tralo seu paso a fin de semana pasada por Lugo e Monforte.
A Orquestra de Cámara Galega (OCGA), dirixida por Rogelio Groba Otero, actuará de balde a partir das 20.30 horas dentro do ciclo Xacobeo en Cámara no marco de colaboración entre a Xunta e a Fundación La Caixa. O ciclo, que articula modernidade e tradición, é unha proposta artística en lugares que, de seu, manifestan un enorme interese como destino turístico diferente, único e especial máis aló da propia celebración do ano Xacobeo.
Os dous concertos da OCGA da fin de semana contarán, ademais da violonchelista Alba Reirís e o violinista Rogelio Groba Otero como solistas, coa soprano catalá Laura do Río, colaboradora habitual da Orquestra de Cámara Galega, que conta cunha importante traxectoria profesional nacional e internacional, que interpretará arias de G.F.Händel.
O ciclo Xacobeo en Cámara continúa así a súa viaxe musical misturada co amplo patrimonio artístico galego nuns concertos cunha duración duns oitenta minutos e de entrada libre e gratuíta, que seguirán o día 2 de outubro en Viveiro, na igrexa de San Francisco, e o 22 do próximo mes en Ribadeo, en Santa María do Campo.