A OPP de Lugo organiza en Burela unha nova edición das súas Xornadas

AMariñaXa
A OPP de Lugo organiza este martes 16 de novembro en Burela unha nova edición das súas Xornadas sobre Obriga de Desembarque e Valorización
obligacion desembarque y valorizacion 1
15 Nov 2021

A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo organiza este martes 16 de novembro en Burela unha nova edición das súas Xornadas sobre Obriga de Desembarque e Valorización, que terá lugar no salón de actos de ABSA.

Ademais de analizar a OD desde a perspectiva da administración, no encontro deste ano sepresentaranse dous proxectos relacionados cos descartes e a selectividade no arrastre, nos que participa a frota da OPP. O bloque final tratará a valorización do produto pesqueiro desde unha perspectiva gastronómica sobre como mellorar o aproveitamento de especies con escaso valor comercial e unha degustación.

A xornada dará inicio ás 10h da mañá e contará coa asistencia da directora xeral de Pesca da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez.

O primeiro bloque contará coa presenza do subdirector xeral de Caladero Nacional e Augas da UE da SEGEPESCA, Héctor Vila, que analizará a aplicación da OD na xestión pesqueira nacional e europea. Noemí Munguía, da subdirección xeral de Vigilanxia e Loita contra a Pesca Ilegal, falará da OD desde a perspectiva de control.

No segundo bloque presentaranse os dous proxectos nos que participa a frota de Burela. Xulio Valeiras, do Instituto Español de Oceanografía IEO, presentará os resultados do proxecto SELECTLUGO, que consiste en analizar melloras de selectividade na frota de arrastre de litoral que realizaron nos últimos meses no buque “Plaia de Rueta”. Ricardo Pérez do Consello Superior de Investigacións Científicas CSIC presentará o proxecto GEOCAP, que integra nunha base de datos xeoportal as capturas e descartes, e que xa se presentou aos patróns de OPP Lugo no obradoiro celebrado o pasado sábado día 6.

No terceiro bloque Bruno Pena, presidente da asociación Cociñeiros Lugo, analizará a valorización das especies pesqueiras desde o ámbito gastronómico, amosando como aproveitar especies que habitualmente teñen un menor valor de venda pero cun alto potencial de comercialización.

A xornada finalizará cunha degustación de receitas elaboradas con estas especies con alto potencial de valorización. A asistencia á xornada é gratuíta, pero con inscripción previa no mail info@opplugo.com ou no teléfono 982572823.

Esta actividade enmárcase dentro das accións de promoción da OPP Lugo incluídas no Plan de producción e comercialización anual, e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.

obligacion desembarque y valorizacion
0.20789504051208