A OPP de Burela presenta o calendario 2026 para promocionar os “12 Pescados Capitales”

AMariñaXa
O almanaque destaca o liderado do porto en especies como pescada do pincho, bonito do norte ou cabra de altura e busca fomentar o consumo de peixe fresco e de tempada
burela-OPP-calendario-2026
1 Jan 2026

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7) lanzou o seu tradicional calendario anual para 2026 baixo o lema “Se pensas en peixe, pensa en Burela”. Esta iniciativa, cofinanciada pola Xunta de Galicia e FEMPA, forma parte do plan anual de produción e comercialización da OPP e pretende facilitar a trazabilidade dos produtos da pesca e ofrecer aos consumidores información clara e detallada sobre as especies que chegan á lonxa.

O calendario 2026 céntrase nos chamados “12 Pescados Capitales” de Burela, destacando o liderado do porto en varias destas especies. ABSA, a lonxa local, é a primeira de Galicia en vendas e descargas de bonito do norte, bertorella, xarda, cabra de altura, castañeta vermella e mero, ademais de outras especies como salmonete de roca, sabre negro ou maruca.

A publicación tamén explica as diferentes frotas que abastecen o porto: o palangre demersal en augas europeas, que captura unha a unha pescada do pincho, bertorella, cabra de altura, castañeta vermella, mero ou ollomol; o palangre de superficie en augas internacionais e europeas, que pesca peixe espada e quenlla; a frota bonitera do Cantábrico, que captura bonitos do norte ao curricán; e as frotas de cerco ou arrastre de litoral, que traen especies pelágicas como xarda, bocarte ou sardiña.

O almanaque busca fomentar unha alimentación saudable a través do consumo de peixe fresco, explicando mes a mes as características de cada especie, os tipos de pesca, os formatos de comercialización e as mellores épocas de consumo. Como en edicións anteriores, editáronse preto de 4.000 exemplares, que se distribúen entre socios da OPP e ABSA, ADEXMAR, hostalería local e peixarías, e a metade envíase a Madrid e Barcelona a través de FEDEPESCA e o Gremio de Peixeiros de Barcelona.

⚙ Configurar cookies
0.085954189300537