A oposición fala: Xove

Por Ana Somoza
Pilar Vázquez (BNG) e Rogelia Mariña (PSOE) falan do seu traballo na corporación local, das necesidades do municipio e das súas aspiracións políticas.
Nun concello como o de Xove, onde o Partido Popular leva gobernando ininterrompidamente desde o inicio da democracia, facer oposición non é unha tarefa doada. Porén, tanto Pilar Vázquez, do Bloque Nacionalista Galego, como Rogelia Mariña, do Partido Socialista, coinciden en que é un labor necesario, de compromiso e tamén de sacrificio persoal. As súas voces representan esa parte da cidadanía que non está no poder, pero que quere ser escoitada.
Rogelia Mariña, veciña da Rigueira, recoñece que entrou na política municipal nas eleccións de 2023 por unha cuestión de responsabilidade: “Tiña claro que o partido necesitaba ter representación no Concello”. Sempre foi simpatizante socialista, e agora representa a única acta do PSOE na corporación.
Pola súa banda, Pilar Vázquez leva dous anos como concelleira do BNG e entrou na política local despois de militar no partido desde 2018. Liderou a candidatura nacionalista nas últimas eleccións e, como ela mesma afirma, fíxoo “coa ilusión de cambiar dinámicas que levan décadas sen moverse en Xove”.
Pilar Vázquez: “Non estamos só para criticar: propoñemos, corriximos e impulsamos iniciativas”
ESFORZO DIARIO
As dúas admiten que a política local implica sacrificios. Pilar di que, malia ser nova, dedica moitas horas a preparar os plenos e estudar a documentación: “É tempo que lle quito a outras partes da miña vida, como o adestramento ou os estudos”. Rogelia, pola súa parte, confesa que lle doe que haxa xente que xa non a trate igual “por se acaso a vinculan co partido”, algo que considera unha mágoa.
Pero tamén hai aspectos positivos. Pilar destaca o agradecemento dos veciños cando logran melloras concretas, como no caso da auga: “Despois de anos denunciando os problemas co abastecemento, conseguimos que se redactase un proxecto de máis dun millón de euros”. Rogelia asegura que o feito de sentirse activa psicoloxicamente é xa un beneficio persoal importante.
ALTERNANCIA E CRÍTICA
As dúas tamén coinciden en criticar a falta de alternancia política. Pilar recalca que “nunha democracia saudable, é fundamental que haxa cambios de goberno” e lamenta que en máis de 40 anos só houbese dous alcaldes. Rogelia tamén pensa que o PP “desaproveitou os anos de bonanza económica” e que agora o municipio está a padecer as consecuencias dunha falta de previsión.
Preguntadas por que aportarían se gobernasen, as respostas son claras. Rogelia aposta por un proxecto con obxectivos concretos: melloras nas estradas, portos, abastecemento, urbanismo e desenvolvemento industrial. Pilar engade unha visión máis a longo prazo: “Queremos poñer Xove á cabeza da sustentabilidade, modernizar o polígono industrial, conseguir a autoridade portuaria propia e deixar de depender exclusivamente de Alcoa”.
Sobre os pactos, Rogelia é partidaria, “sempre que haxa un programa real que mellore a vida dos veciños”. Pilar tamén estaría disposta a pactar con forzas de esquerda, pero deixa claro que o obxectivo do BNG é gobernar en solitario para poder aplicar o seu programa con plenas garantías.
Rogelia Mariña: “É unha preocupación por tratar de facelo o mellor que podo dentro das miñas posibilidades”
Os programas de ambas formacións inclúen propostas ambiciosas. Pilar fala de carreiras deportivas, dinamización cultural nas aldeas, fomento de asociacións veciñais e proxectos audiovisuais para a mocidade. Rogelia, pola súa banda, propón melloras no saneamento, auga, vivenda, igualdade, actividades para maiores, e apoio ao comercio e emprendemento.
Sobre as principais necesidades de Xove, Pilar destaca “a falta de planificación” e unha xestión municipal que vive da improvisación. “Non hai unha visión estratéxica de futuro”, lamenta. Rogelia subliña a necesidade de garantir un abastecemento de auga en condicións, ofrecer vivenda e mellorar os servizos para fixar poboación, porque “Xove estase despoboando malia ser un pobo rico”.
As relacións co equipo de goberno, aseguran, son cordiais. Ambas recoñecen que hai diálogo e que, polo menos no trato persoal, non hai confrontacións. Pilar incluso destaca que o grupo popular adoita ser flexible para pactar datas de plenos e comisións. “Agradeceuse esa conciliación”, comenta.
Pero tamén deixan ver as súas diferenzas co grupo de goberno. Pilar critica que o PP teña a cinco persoas cobrando un salario pola súa dedicación á política, mentres o resto dos concelleiros traballan por vocación e de forma altruísta. “Nós facémolo por compromiso coa sociedade, eles por cartos, e os resultados son escasos”, sentencia.
MIRADA AO FUTURO
Para o futuro, as dúas teñen metas claras. Pilar aspira a ser alcaldesa e transformar Xove nun lugar no que a xente queira vivir todo o ano, non só no verán. “Temos miles de ideas”, di con entusiasmo. Rogelia tamén quere aumentar a representación do PSOE nas próximas eleccións e seguir traballando “por un concello máis xusto, máis eficiente e máis humano”.
E como mensaxe final á cidadanía, ambas coinciden: “Se queres mellorar o teu concello, implica a túa voz. Nós estamos aquí para escoitala”.
Con discursos diferentes, pero cun obxectivo común, as voces da oposición en Xove lembran que a democracia non é só gobernar, senón tamén esixir, propoñer e construír desde a outra beira.