A oposición fala: Trabada

AMariñaXa
Falamos con José María Fernández Vázquez, gandeiro, deputado provincial e voceiro do PP de Trabada
Jose-Maria-Vilelo-PP-Trabada
9 Mar 2025

Por Ana Somoza

No concello de Trabada, cunha economía baseada na gandería, a agricultura e o sector forestal, o Partido Popular ocupa o papel de oposición, co obxectivo de fiscalizar a acción do Goberno municipal e propoñer medidas que melloren a vida dos seus veciños. José María Fernández Vázquez, gandeiro, deputado provincial e voceiro do PP de Trabada, leva desde 2019 formando parte da política local, cando decidiu presentarse como candidato tras a xubilación do anterior alcalde popular, José Manuel Yáñez Ginzo. “O papel da oposición é moi importante, pois todos somos elixidos democraticamente polos veciños. O primeiro que hai que facer é fiscalizar ao grupo de Goberno e propoñer medidas ou trasladar as inquedanzas dos veciños”, destaca Fernández Vázquez.

PROPOSTAS DO PP

Desde o Partido Popular destacan a súa relación coa Xunta de Galicia como un factor clave para conseguir investimentos e melloras para Trabada. “O PP é un partido de Goberno pois estamos liderando a maioría dos concellos de Galicia. Tamén é o partido máis grande de Galicia e do país, e non podemos aspirar a outra cousa que non sexa a liderar”, afirma o voceiro popular. “Todo o que se solicita desde o Concello á Xunta, nós, desde o PP, loitamos para que veña para Trabada”. Entre as necesidades máis urxentes do municipio, Fernández Vázquez destaca a mellora dos servizos sociais e do saneamento, ademais da potenciación dos sectores laborais e industriais para evitar o despoboamento. “No noso programa electoral propuxemos como primeiro punto a creación de vivenda para que a xente nova veña habitar as vilas e parroquias do rural”. Ademais, o PP propón a finalización das concentracións parcelarias pendentes e a mellora das vías de comunicación.

SACRIFICIOS E BENEFICIOS

A dedicación á política local supón un reto persoal para Fernández Vázquez, quen destaca o tempo que lle quita ao seu traballo na gandería e á vida persoal. “A política municipal non me daba ningún ingreso e sacábame moito tempo do meu traballo. Por sorte, desde 2023 logrei compaxinar mellor esta actividade”, explica. A pesar dos sacrificios, considera gratificante o apoio dos veciños: “Dá gusto cando os veciños te animan a seguir facendo cousas e ves que as cousas van cara adiante”. En canto ás retribucións dos representantes municipais, o voceiro popular denuncia que o actual alcalde cobre un salario de 42.000 euros anuais. “Parece excesivo para unha vila como Trabada, con 1.000 habitantes. Se chegase a ser alcalde, tería unha dedicación parcial de 24.000 euros, pois considero que é un salario xusto e suficiente”.

UNIR O POBO

O PP gobernou en Trabada ata o 2015, e Fernández Vázquez está convencido de que un regreso do seu partido ao Goberno sería positivo para a vila. “O primeiro obxectivo sería unir o pobo, pois desde 2015 os que colleron o bastón de mando dividiron a vila por motivos políticos”, critica. “E é moi importante que unha vila estea unida, sexa cal sexa a cor que goberne”. Ademais, cre que, con el como alcalde, se poderían conseguir investimentos que co PSOE “son imposibles”. Aínda que recoñece algúns acertos do Goberno actual, que ían no programa electoral dos populares, como o apoio ás asociacións de veciños, as actividades culturais ou a rebaixa do ICIO para os gandeiros, lamenta que “obras importantes non se fixeron e no sector industrial tampouco se avanzou moito”. Tamén critica que “o actual alcalde critique abertamente á anterior rexedora, pois el formaba parte dese Goberno socialista”.

DIÁLOGO

En canto aos pactos políticos, Fernández Vázquez aposta polo diálogo e a busca de acordos, sempre respectando os seus principios. “A política é falar, dialogar e chegar a puntos comúns polo ben do pobo e dos veciños”, asegura. Con todo, lamenta que a relación co equipo de Goberno non sexa moi fluída: “Non temos moita relación, pero eu ou o meu partido estamos abertos a que nos chamen para axudar e falar”.

O FUTURO

O Partido Popular de Trabada mantén a súa aposta por un modelo de xestión no que a transparencia, a unidade e o desenvolvemento económico sexan prioritarios. Fernández Vázquez ten claro que a súa meta é recuperar o Goberno municipal e impulsar proxectos estratéxicos que favorezan a economía local e melloren a calidade de vida dos veciños. “Se chegamos á Alcaldía, faremos do Concello unha institución transparente e de concordia, tanto en relación cos veciños como coas outras administracións”, conclúe o voceiro do PP de Trabada.

⚙ Configurar cookies
0.18905997276306