A oposición fala: Riotorto

TerraChaXa | AMariñaXa
Falamos con Vanesa Gómez Lourido, xornalista de Vilarquide, na parroquia de Galegos, que ofrece á veciñanza vontade e coñecemento político
vanesa-lourido-bng-riotorto
18 May 2025

Por Ana Somoza

A oposición en Riotorto non se entende sen a figura de Vanesa Gómez Lourido, actual concelleira do BNG e referente dun grupo que mantén unha actividade constante de fiscalización e proposta, malia as dificultades. “O papel da oposición debe ser sempre o de fiscalizar a acción do goberno e facer propostas que melloren a vida das veciñas e veciños”, defende. E engade: “Tamén temos que estar aí para defender os intereses de Riotorto diante doutras administracións cando os problemas que nos afectan superan o ámbito local”.

Gómez Lourido fala con paixón e convencemento dun traballo que non considera un sacrificio. “Sempre tiven unha vontade de participación política moi forte e unha identificación co BNG desde moza. O meu traballo permíteme desenvolver esta tarefa, así que non podo dicir que me supoña un sacrificio persoal”.

TRAXECTORIA

A súa traxectoria política comezou hai anos, como suplente na candidatura do BNG no ano 2007. Desde aquela, estivo sempre vinculada á actividade da organización local. “Na universidade reafirmei as miñas ideas: a defensa dos servizos públicos, da lingua e da cultura, a capacidade para decidir sobre os nosos recursos, a igualdade… Todo iso fíxome comprometerme máis co proxecto do BNG”. Actualmente, Gómez Lourido comparte representación na corporación con outros dous membros do BNG, Luis Fernández e María Campo.

A LEMBRANZA

Lembra con orgullo a etapa de goberno do BNG entre 2007 e 2015, con Federico Gutiérrez Estoa como alcalde. “Puxéronse en marcha iniciativas moi innovadoras para a época. A Rede de Dinamización Local, por exemplo, permitiu rehabilitar escolas unitarias das parroquias e convertelas en centros de participación veciñal. Tamén se impulsaron mercados estacionais, actividades culturais e servizos como podoloxía ou fisioterapia”.

Di que, mesmo no contexto da crise de 2008, aquel goberno “defendeu os servizos públicos fronte aos recortes impostos polo PP dende a Xunta e dende Madrid, mantendo por exemplo a gratuidade do Servizo de Axuda no Fogar”.

OBXECTIVOS

Sobre os obxectivos políticos Vanesa é clara: “Queremos gobernar. A oposición é necesaria para fiscalizar, para propoñer, para representar outras voces… pero para facer os cambios reais que o Concello precisa, hai que estar no goberno ou, polo menos, ter forza suficiente para condicionar as decisións”. Nese sentido, sinala que o BNG estaría disposto a pactar con outras forzas, pero sempre “en función das propostas políticas, do contexto e con forzas progresistas”.

As principais necesidades do municipio, di, pasan por manter os servizos públicos básicos cunha dotación suficiente de persoal e recursos. “Estamos moi pendentes da situación do centro de saúde, e tamén do futuro da residencia de maiores que se está a construír. Para nós é fundamental que sexa de xestión pública e que a Xunta asuma as súas responsabilidades. Unha residencia feita con fondos públicos non pode acabar converténdose nun negocio privado”. Outra das preocupacións do BNG é a inacción do goberno local ante o tecido económico. “Enterraron o proxecto do polígono industrial e non ofreceron ningunha alternativa. No comercio e hostalería, pechou un terzo dos negocios. E mentres o Concello gasta miles de euros en comidas ou actividades, contrata todo con empresas de fóra”.

Tamén critica a falta de impulso cultural: “Unha axenda cultural e lúdica dende o Concello podería dinamizar Riotorto. Pero nin sequera se preocupan por manter aberta a ruta do Ferro ou o mazo da Fraga na Semana Santa, cando celebramos a Feira da Artesanía, o maior escaparate do municipio”. A situación actual do centro de saúde é outro dos temas que máis preocupan ao grupo nacionalista. “Levamos cinco anos de recortes na atención médica. A situación máis grave viviuse entre decembro e marzo, cando nos quedamos sen médico a xornada completa”. Conta que foi a mobilización veciñal, con concentracións e recollida de sinaturas, xunto coas iniciativas levadas aos plenos municipais, provinciais e ao Parlamento galego, o que permitiu reverter parcialmente esta situación. “Conseguimos que asignasen un médico, aínda que sexa con prórroga de xubilación. É unha solución parcial e provisional, pero un tempo gañado para seguir defendendo un servizo básico, a pesar do goberno local, que estivo todo o tempo lavándolle a cara á Xunta”.

RELACIÓNS CO GOBERNO

As relacións co equipo de goberno defíneas como “moi difíciles”. Asegura que o alcalde “se nega a incluír as mocións do BNG na orde do día dos plenos” e que moitas propostas “quedan nun caixón”. Entre elas, a petición para debater sobre a xestión da residencia ou as iniciativas para apoiar ao comercio local.

No último pleno, relata, “retiráronnos a palabra por lembrar que, tras a substitución da única concelleira do goberno por un home, Riotorto quedará cun goberno sen ningunha muller, unha anomalía democrática total que mostra o desinterese do PP pola igualdade”. Tamén denuncia o uso partidista das redes sociais do Concello: “O goberno local utilízaas como se fosen unha conta do seu partido. Só publica mensaxes para criticar ao BNG ou para atacarnos persoalmente aos concelleiros”. Asegura que este tipo de actitudes non se limitan á oposición: “Actúan igual con calquera persoa ou colectivo que non estea baixo o seu control.”.

A pesar de todo, Vanesa Gómez Lourido mantén intacto o entusiasmo por continuar traballando por Riotorto. “Estar en contacto coas veciñas e veciños, coñecer mellor o concello, propoñer alternativas… iso é o máis valioso do noso labor. E facémolo porque cremos nun futuro mellor para Riotorto. Un futuro que pasa por un goberno que pense na xente, que defenda os servizos públicos e que crea nas potencialidades deste territorio”.

⚙ Configurar cookies
0.16582703590393