A oposición fala: Ribadeo

AMariñaXa
Falamos con Marta García Rey, do PSOE, e, Pablo Vizoso, do BNG, os cales defenden un modelo alternativo para o futuro da vila ribadense
Ribadeo-PSOE-e-BNG-Vizoso-e-Garcia-Rey
26 Apr 2025

Por Ana Somoza

A actividade política en Ribadeo non se limita ao labor do goberno local, senón que a oposición xoga un papel fundamental na fiscalización das súa accións e na proposta de alternativas que contribúan ao desenvolvemento do concello. O Partido Socialista (PSOE) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) representan as forzas opositoras principais en Ribadeo, e ambos grupos traballan activamente para mellorar a calidade de vida da cidadanía, propoñendo proxectos e denunciando aquelas situacións que consideran prexudiciais para o municipio.

O PAPEL DA OPOSICIÓN

Marta García Rey, representante do PSOE, destaca que a oposición non debe limitarse a unha función de control do goberno, senón que debe contribuír activamente coa presentación de propostas que melloren a vida da veciñanza. O seu partido, di, “realiza un traballo continuo de escoita, trasladando aos plenos municipais as queixas e demandas que lle fan chegar os cidadáns”. Pola súa banda, Pablo Vizoso, concelleiro do BNG, reforza esta idea ao indicar que “a oposición ten un papel fundamental de información á sociedade, visibilizando alternativas e formas diferentes de xestionar os recursos municipais”. Para el, a oposición non debe caer na crítica constante sen fundamento, senón “que debe analizar con rigor as necesidades locais e traballar para que Ribadeo avance”.

LABOR CONSTRUTIVO

Os dous representantes coinciden en que a oposición en Ribadeo ten un enfoque construtivo. O PSOE mantén contacto permanente co tecido asociativo da vila e fomenta o diálogo aberto con todos os sectores, mentres que o BNG aposta por unha política baseada na proximidade, atendendo diariamente as consultas e preocupacións da cidadanía. Ambos partidos destacan que o traballo na oposición esixe dedicación e compromiso. Segundo Marta García Rey, “compaxinar a vida persoal co traballo político é complicado, xa que hai continuas reunións e debates”. Pola súa banda, Pablo Vizoso do BNG, subliña que” estar na oposición require unha constante análise dos documentos municipais, consultas e estudo de propostas, ademais dun intenso labor de comunicación coa cidadanía”.

CRÍTICAS AO GOBERNO

Tanto o PSOE como o BNG critican a xestión do actual goberno do PP en Ribadeo. Marta García considera que “a súa xestión está máis centrada na imaxe e na publicidade que en resolver os problemas reais do municipio”. Como exemplo, menciona a privatización do servizo de recollida de lixo, unha medida que considera innecesaria, ou a recente corta de árbores no colexio público sen consultar coa veciñanza. Vizoso, do BNG, pola súa parte, denuncia “unha involución na xestión municipal desde a chegada do PP ao goberno”. Destaca a falta de avances en proxectos fundamentais como a rehabilitación do Hospital Asilo, o acceso a vivenda para a mocidade ou a mellora das infraestruturas urbanas e rurais. Tamén critica a falta de investimentos en servizos públicos e a tendencia ao despilfarro sen unha estratexia clara de desenvolvemento.

PROPOSTAS

Ambos partidos consideran fundamental recuperar unha xestión centrada nas persoas. O PSOE aposta por reforzar os servizos sociais, dinamizar o rural e atender mellor ás persoas maiores. Entre as súa propostas destacan a potenciación do polígono industrial, a creación de vivenda social e a mellora da conectividade dixital en todo o concello. O BNG, pola súa parte, defende unha política de igualdade efectiva, unha programación cultural variada e o impulso de proxectos para a mocidade, como o Consello de Participación Xuvenil. Ademais, propoñen a construción dunha nova área polideportiva e a implantación de medidas para un turismo sustentable e respectuoso co medio ambiente.

A VOZ DA VECIÑANZA

Ambos partidos destacan a importancia de manter un contacto directo coa veciñanza para coñecer de primeira man as súa inquedanzas. O PSOE subliña que a participación cidadá debe ser un piar fundamental na toma de decisións municipais, mentres que o BNG aposta pola realización de encontros abertos e xornadas participativas que permitan escoitar as demandas da poboación e trasladalas aos plenos.

RELACIÓN CO CONCELLO

A pesar das diferenzas, tanto o PSOE como o BNG manteñen unha relación institucional correcta co equipo de goberno. Con todo, ambos coinciden en que a xestión municipal debería ser máis aberta ao diálogo e á participación cidadá. De cara ao futuro, o PSOE traballa para recuperar o goberno municipal e retomar as políticas progresistas que, segundo afirman, marcaron os seus anteriores mandatos. Pola súa banda, o BNG ten como obxectivo reforzar a súa presenza e volver gobernar en 2027, cun proxecto centrado no progreso, a igualdade e o benestar da veciñanza. En definitiva, a oposición en Ribadeo está activa, propoñendo alternativas e fiscalizando a xestión municipal co obxectivo de garantir un futuro mellor para o concello e a súa veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.13080811500549