A oposición fala: Ourol

AMariñaXa
José Hermida do PP reivindica a necesidade dun centro de día e dunha residencia para a terceira idade
opo-ourol-pp
11 Jan 2025

Por Amanda Fernández

José Hermida Corbelle, portavoz do Partido Popular (PP) en Ourol, representa á oposición deste Concello. Con 18 anos acabados de cumprir foi nas listas do PP de Ourol con Guillermo Salgueiro. “Foi unha experiencia moi gratificante, xa que coñecín todo o Concello e a todos os veciños nunha época na que todo era unha continua transformación”, afirma José Hermida.

Así, expón que hai 9 anos que forma parte da política local do Concello de Ourol nesta “ultima etapa” xa que con anterioridade estivera oito anos. No que atinxe ao papel da oposición neste Concello, sinala: “Facemos un traballo de seguimento do que realiza o equipo de Goberno, e trasladamos as preocupacións dos veciños e veciñas, así como as súas queixas”.

Considera José Hermida que o papel da oposición dun concello consiste no “control” e “seguimento” daquilo que fai o Goberno e informar do se cre que “se fai mal”.

“Tes que sacar tempo da túa vida privada para dedicarlla ás preocupacións de veciños e veciñas.”

O PP EN OUROL

Pola súa parte, con respecto a como os populares axudan a mellorar a vida dos veciños e veciñas de Ourol, di que “por resultado”, o PP non pode “axudar a mellorar demasiado” xa que non goberna. “Nós o que estamos é sempre a disposición dos veciños para o que necesiten e nós poidamos axudar”, destaca José Hermida.

Ser parte da oposición implica unas responsabilidades e deberes. O portavoz do PP fai fincapé nesta cuestión: “Tes que organizar a túa vida o mellor posible por que require estar sempre pendente do que ocorre no Concello, non é cuantificable en tempo, tes que sacar da túa vida privada para dedicarlla ás preocupacións e problemas dos veciños e veciñas”.

Así, fai referencia ao tempo e a atención constante que se realiza e vai máis aló dunha xornada laboral. Porén, tamén concreta que ten moitos beneficios, pero sinala un como principal e esencial: “Principalmente o aportar a que se melloren os servizos en Ourol en xeral da mellor forma posible e tamén o contacto coa veciñanza”.

José Hermida Corbelle ten un obxectivo claro en mente e polo que traballa diariamente que é “chegar a gobernar o Concello”, onde naceu e leva vivindo toda a vida. Recoñece que é un “namorado do rural” e especialmente de Ourol.

AS LIÑAS DE ACTUACIÓN DO SEU PROGRAMA

Hermida Corbelle describe as principais liñas de actuación que ten o seu programa. Para iso cómpre detectar necesidades no Concello. “O centro de dia, é para min a necesidade máis importante”, expón. Seguido deste, estaría a necesidade dunha residencia da terceira idade, vivendas sociais e poñer a disposición de empresas solo industrial en óptimas condicións.

“Temos unha media de idade de 60 anos, de aí a necesidade tanto do servizo de centro de día como de residencia. De feito, hai xente que se está trasladando a Viveiro ao centro de día, pero botan máis tempo no transporte ca no centro”, apunta neste sentido. Así, eses servizos tamén “crearían postos de traballo e axudaría ao asentamento no rural”.

“Considero que unir dous programas non aporta nada a mellora dun pobo”

Así, explica que nas liñas de actuación do seu programa está presente a importancia de impulsar o polígono industrial que “non está adaptado”. Así, procura ofertalo a prezos competitivos. “Habería que mobilizar á poboación para concretar terreos mediante o intercambio de fincas entre particulares e a apertura de pistas forestais. Agora quérese vender un polígono sen urbanizar ao prezo doutros urbanizados e mellor situados”, sostén. Con todo, asegura que se o seu partido chegara ao Goberno: “Cumpriría co noso programa”.

Actualmente describe a súa relación co equipo de Goberno como “cordial e de respecto”. Manifesta que hai que respectar o que propuxeron os veciños e veciñas de Ourol, “pero con responsabilidade expresar as discrepancias en cada momento que aparece algo que non consideramos que estea ben feito”. De feito, se tivese que sinalar algo bo que fai o Goberno actual salienta as “melloras no abastecemento de augas”.

Unha cuestión que ten clara José Hermida é que non está a favor dos pactos para conformar un goberno estable por este motivo que indica: “Considero que é unir dous programas e levar a cabo ideas distintas que, por norma xeral, non aporta nada a mellora dun pobo”.

0.16392183303833