A oposición fala: O Vicedo

Por Ana Somoza
Miguel Gómez Fraga entrou na corporación municipal do Vicedo nas eleccións de maio de 2023, pero leva no BNG desde 2018. “Con independencia de que xa tiña inquedanzas políticas e laborais”, lembra, “as loitas de Alcoa foron as que me levaron a dar o paso”. Aquel conflito laboral, explica, foi un punto de inflexión que o empurrou á participación activa. “Atopei no BNG un equipo novo, forte e con moitas ganas de gobernar”, afirma.
Desde a súa chegada ao Concello, Gómez Fraga ten claro cal debe ser a función da oposición: “Fiscalizar a labor do goberno, por suposto, pero tamén poñer enriba da mesa ideas, melloras e solucións para que o Concello avance”. Nese sentido, insiste en que o traballo dun grupo na oposición non se limita a criticar, senón que debe ser propositivo. “Temos que buscar diálogo co resto de administracións, implicar o equipo de goberno e conseguir que ao Vicedo cheguen investimentos e melloras”.
A acción política do BNG no Vicedo, subliña, basease nun contacto constante coa veciñanza. “Escoitamos aos nosos veciños e percorremos todas as parroquias para revisar as deficiencias e tamén as oportunidades que existen para desenvolver o Concello”. É unha tarefa que, recoñece, implica un sacrificio persoal: “A tarefa de concelleiro implica unha mingua de tempo para dedicarlle á miña familia, é o sacrificio que supón”. Pero tamén trae recompensas: “A satisfacción de intentar mellorar as condicións de vida dos veciños e do Concello en xeral”.
Gómez Fraga compaxina a súa actividade política cun traballo a tempo completo: “Son mecánico en Alcoa, e a mecánica comparte espazo coa miña outra vocación, a gandería”.
“Precisamos un centro de saúde digno, un centro de día en funcionamento e unhas infraestruturas ben atendidas”
PROPOSTAS SOCIAIS
Desde o seu escano, o voceiro nacionalista insiste en que o Vicedo precisa unha acción política decidida para facer fronte ao envellecemento da poboación e á falta de oportunidades para a mocidade. “Somos un Concello envellecido e falto de oportunidades para a xente nova. Se a economía no Concello non medra, non poderemos reverter a situación. É unha cadea”.

Por iso, unha das prioridades do BNG é apoiar os sectores produtivos tradicionais da zona: “A gandería, a pesca, a agricultura e a hostalería son as actividades económicas que desenvolven os veciños, e buscamos darlles un pulo”. Fronte ao abandono e á perda de servizos, os nacionalistas propoñen medidas concretas. “Queremos reverter a perda de servizos que, a través do Concello, se poderían mellorar, como o servizo aos nosos maiores ou a recollida de lixo”.
Unha das propostas máis reiteradas pola formación foi a apertura dun centro de día. “Un centro de día en funcionamento, con servizo de transporte e comida na casa, é absolutamente necesario”, defende Gómez Fraga. E engade que tamén é urxente contar cun servizo de atención primaria digno. “Reclamamos un centro de saúde ben dotado de profesionais”, insiste.
En paralelo, o BNG aposta por desestacionalizar o turismo e diversificar a oferta. “Queremos dar a coñecer as posibilidades que ten o Concello máis aló do verán”, explica, e destaca o turismo de natureza, cultural e arqueolóxico como campos por desenvolver. “Temos recursos que non están sendo aproveitados”.
OBXECTIVOS POLÍTICOS
Sobre a súa posición política e os obxectivos a longo prazo, Gómez Fraga é claro: “O noso obxectivo é gobernar para levar a cabo o noso programa. Queremos mellorar as condicións para que a xente nova poida quedar e volver, que o noso concello resulte atractivo á hora de asentar poboación”.

Preguntado pola posibilidade de pactos, sinala que “na nosa idea está a de gobernar sen pactos, presentamos a nosa candidatura para gañar”. Non obstante, engade que “no caso de precisar de pactos, estudaranse nese momento”. Para o nacionalismo local, o importante é que as políticas a aplicar sexan coherentes co seu programa.
Aínda que o BNG non formou parte do goberno local, Gómez Fraga está convencido de que a súa presenza podería marcar a diferenza: “Aportaríamos un programa coherente, comprometido coa realidade da veciñanza, cunha visión clara para o futuro do Vicedo”.
O programa nacionalista, segundo explica, pivota arredor de cinco grandes eixos: a mellora dos servizos básicos, o impulso aos sectores produtivos, a atención á mocidade e á terceira idade, a dinamización do turismo e o coidado das infraestruturas. “Queremos unhas infraestruturas ben atendidas e planificadas, non parches. Non podemos seguir improvisando”.
GOBERNO LOCAL
A relación co equipo de goberno é, segundo relata, desigual. “A nivel persoal é correcta”, admite, “pero a nivel político actúan con prepotencia”. Segundo Gómez Fraga, a Alcaldía mantén unha actitude “paternalista” nas sesións plenarias, “interrompendo continuamente e tentando desprestixiar as nosas propostas”. Esa actitude, di, “é unha forma de desmotivarnos, de amosar falta de interese polo traballo da oposición”.
Pero malia os atrancos, no BNG están convencidos de que o seu traballo está a dar froitos. “Cremos que a veciñanza ve que hai unha oposición seria, con propostas, que non se dedica só a criticar”. O contacto directo cos habitantes do Vicedo é, segundo insiste, unha das claves da súa acción política: “Falamos coa xente, escoitamos, e logo levamos esas demandas ao pleno. Iso é facer política útil”.