A oposición fala: O Vicedo

AMariñaXa
Falamos con Verónica Canoura Paz, voceira da agrupación municipal PSOE O Vicedo
opo-fala-vicedo
18 Jan 2025

Por Amanda Fernández

Verónica Canoura Paz é voceira do PSOE en O Vicedo, e lembra que se vinculou ao partido cando era ben nova. Foi cando daquela compañeiros da agrupación buscaban xente nova polas parroquias que non estivesen de acordo coa forma de traballo que tiña o Goberno local. “Era afín aos meus pensamentos e forma de traballo, non o dubide”, sinala Verónica.

Foi nas listas do partido en 2015, dende 2019 é concelleira e dende marzo deste 2024 é a actual voceira, en substitución de María Pérez Santaballa por temas de saúde.

Facendo fincapé no papel da oposición no Concello, explica que como en todos os concellos non “é un papel fácil e menos cando hai maioría absoluta”. Canoura Paz indica que teñen tres concelleiros: “É dicir, o 33 % da poboación que confiou en nós para representalos”.

O PSOE EN O VICEDO

Como axudan os socialistas a mellorar a vida dos veciños e veciñas deste concello de A Mariña? A voceira fai fincapé en que como oposición escoitan aos seus veciños para intentar mellorar o día a día do Vicedo e das súas parroquias, e trasladar todo en cada pleno ao que acoden.

Así, especifica que ser parte da oposición permite que se poidan facer moitas cousas, en especial, sinala, “traballar da man dos nosos veciños e veciñas para que esa porcentaxe sexa cada vez máis alta e confíen en nós como equipo de goberno”. A voceira socialista fai fincapé en que traballan “por e para O Vicedo”.

Recoñece que conciliar a vida laboral coa familiar e o engadido da política non é doado porque falta tempo para dedicar. “Creo que falo non só no meu nome, xa que os meus compañeiros e máis eu o que queremos ao final desta lexislatura é que os veciños saiban que estamos aquí non só para facer ruido, senón para axudar no que se poida, para iso estamos, para traballar polo Vicedo”, manifesta e engade que merece a pena o sacrificio porque o mellor beneficio sempre é ver “que se teñen en conta as nosas propostas no pleno e poder chegar a cumprilas”.

NECESIDADES E APOSTAS DO PARTIDO

Verónica Canoura Paz sinala como principal necesidade do Concello de O Vicedo “poder ter todos os servizos básicos cubertos”. Considera que é necesario atraer poboación e facilitar a creación e o asentamento de empresas; outorgar unha boa atención ás crianzas para poder conciliar a vida laboral e familiar; a creación de emprego para a mocidade e unha boa atención para as persoas maiores. “Temos un centro de día pendente de abrir desde fai anos”, lamenta sobre esta cuestión e indica que hai que facer por potenciar o Concello durante todo o ano par que non se “converta nun pobo de vacacións”. De igual forma, traballar no rural, levar máis vida ás aldeas da man das “nosas asociación culturais”.

Detectadas estas necesidades, a socialista fai un repaso polas accións que están levando a cabo nesta lexislatura: “Estamos traballando moito as redes sociais, para poder chegar a todo tipo de veciños, intentamos publicitar o máximo posible a actualidade do día a día do que está pasando no Concello, así como o noso traballo diario, ben sexa na asistencia a plenos, como a calquera outro tipo de actividades”.

AS SÚAS LIÑAS DE ACTUACIÓN

A voceira do PSOE destaca diferentes liñas de actuación. Comeza mencionando as áreas de cultura e educación para traballar polo futuro dos menos e escoitar de preto as inquedanzas do Colexio de O Vicedo. Así, procuran realizar un estudo dos horarios do Punto de Atención da Infancia para lograr “unha verdadeira conciliación de vida laboral e familiar”. De igual forma, a creación de ludotecas nas datas de vacacións do PAI. Na cultura, participar e fomentar o diálogo con colectivos e asociacións e dinamizar o programa de actividades da Casa da Cultura.

No que respecta a Urbanismo, indica: “Estudiarase a posibilidade de rematar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), xestionar o acceso a internet en condicións óptimas en todo o territorio do concello, núcleos de poboación con accesos axeitados, estradas municipais limpas de maleza, anclaxe de contedores, crearemos un plan de recuperación, conservación e mantemento de fontes, lavadores, cruceiros e muiños do Concello, entre outras cousas…

No tocante ao Turismo buscan mellorar os servizos básicos en todas as praias, a ampliación de actividades da Romaxe Viquinga no Casco de O Vicedo para que veciños hostaleiros poidan desfrutar desta celebración, a desestacionalización do turismo, procurando que a xente acuda ao Concello tódolos meses do ano, e non só na época estival.
En Benestar e Servizos Sociais, centrándose nas persoas maiores, teñen como obxectivo xestionar urxentemente a apertura do centro de día, potenciar a atención domiciliaria a fin de reducir ou eliminar a lista de espera existente, crear de actividades lúdicas para as persoas maiores e un programa de acompañamento e atención.

Tamén buscarían axudas para o asentamento de empresas e autónomos que veñan de fóra, axudas para novas empresas que se crean... En Deportes, apoiarán económicamente a U.D. Folgueiro, a aqueles veciños que sexan deportistas federados de calquera disciplina e buscaríase a creación de escolas deportivas municipais para o fomento e práctica do deporte base,... Queren crear unha canle de Whatsapp do Concello como ferramenta de comunicación, así como a gravación e difusión das sesións dos plenos en Internet.

Verónica Canoura Paz afirma que se chegan ao Concello apostarán pola transparencia en todo o momento con moitas ganas de traballar polos intereses da veciñanza e cubrir as necesidades básicas. Así, recoñece que o seu partido estaría a favor dos pactos “sempre e cando beneficien aos veciños”. Ao equipo de Goberno actual manda esta mensaxe: “Gustaríanos que se tomaran máis en serio os rogos que facemos, xa que son necesidades básicas que nos demandan os veciños. Pola nosa parte, sempre intentamos ter unha relación cordial, educada e respectuosa para poder chegar a conseguir os nosos fines”.

 

0.15569090843201