A oposición fala: O Valadouro

AMariñaXa
Falamos con María Xosé Barreira, do PSOE, e Eduardo Chao, do BNG
Maria-Xose-Barreira-PSOE-EDUARDO-CHAO-BNG-Valadouro-2023
16 Feb 2025

Por Ana Somoza

A política local no Valadouro caracterízase por un intenso traballo de control e propostas da oposición, cun obxectivo común: mellorar a vida da veciñanza. As voces de María Xosé Barreira, do PSOE, e Eduardo Chao, do BNG, permiten comprender as dinámicas da corporación e o papel fundamental da oposición no desenvolvemento do concello. A outra concelleira e ex alcaldesa, María José Fernández Díaz de UDIVAL, non quixo participar nesta reportaxe. Así, O Valadouro conta con 9 concelleiros dos que catro son do PP, dous do PSOE, dous do BNG e unha de UDIVAL.

María Xosé Barreira iniciou o seu camiño político no Valadouro en 1995, permanecendo na oposición ata 2007. Agora, tras regresar á corporación en 2023, reafirma o seu compromiso cunha oposición activa e construtiva. “O papel da oposición en calquera concello debe ser o de control ao grupo de goberno e, desde a miña opinión, o de ser canle de comunicación dos veciños e das súas necesidades”, asegura. A súa postura céntrase en garantir a continuidade de proxectos importantes para o concello, mesmo aqueles que foron iniciados por gobernos anteriores. Entre estes, destaca proxectos como o saneamento de Mansian, a captación de Coutomil, a mellora de camiños municipais ou a posta en valor de rutas como a Fraga das Lerias e a Casa das Neves.

Por outra banda, Eduardo Chao, que comezou na política local en 2012 e está vinculado ao BNG desde 1993, considera que a oposición debe ser “construtiva, defendendo sempre os intereses dos veciños”. Para Chao, unha das claves do seu labor é achegar ideas e traballar para conseguir subvencións doutras administracións, algo que ve fundamental para mellorar a calidade de vida no Valadouro. Entre as súas prioridades, sinala a creación de solo industrial, a promoción de vivendas de protección oficial e a rehabilitación de vivendas en mal estado como medidas para loitar contra o despoboamento e ofrecer mellores servizos á cidadanía.

Ambos políticos coinciden en que formar parte da oposición supón tanto sacrificios como recompensas. Barreiro destaca o reto que implica compaxinar a vida política cunha vida persoal e laboral. “A implicación require moito tempo de quitarlle á túa vida persoal, á túa familia e amizades, incluso ao teu traballo”, asegura. Pola súa banda, Chao ve o seu traballo como unha satisfacción persoal, afirmando que “non é un sacrificio porque me gusta facer cousas polo Valadouro, aínda que se perde tempo para estar coa familia”. Ambos recoñecen que ”os beneficios son a satisfacción de cando se conseguen as propostas que se realizan”.

En canto ás relacións co equipo de goberno, ambos políticos ofrecen perspectivas diferentes. Barreiro considera que, aínda que a maioría das actuacións actuais son continuidade de proxectos xa iniciados, “xa non por o equipo de goberno do que formei parte, senón pola lexislatura anterior do Edmundo Maseda”, di María Xosé Barreira, a oposición debe estar disposta a apoiar as iniciativas que sexan beneficiosas para o concello. “Alejandro e máis eu xa llo dixemos na investidura, que estaríamos do lado do goberno para apoiar as actuacións que consideremos boas para o Valadouro e os seus veciños”, explica. Mentres tanto, Chao lamenta a falta de comunicación co goberno actual, afirmando que “as relacións son inexistentes; non nos chaman nin para cambios de datas das sesións plenarias”.

Os pactos e coalicións tamén son un punto clave no debate político do Valadouro. Barreira reflexiona sobre a experiencia do tripartito, sinalando que, “o pacto foi como foi, con moitas concesións por parte do PSOE, a renuncia de Edmundo Maseda, e a cesión da Alcaldía á lista menos votada”, sinala, “cando entras estás totalmente a cegas, pois todo é novo e comezas a ver como van as cousas a partir dos 9 meses”. “A perspectiva cambia unha vez levas un tempo, e sobre todo vimos como se xestiona o concello e valoramos moito máis o traballo que tivo que facer nesta última lexislatura Edmundo Maseda”, engade a socialista. ”Os pactos son unha fórmula democrática que funciona, pero os acordos baseados en expectativas persoais frívolas non teñen futuro”, advirte.
Pola súa parte, Chao defende os pactos como unha parte esencial da democracia,“que sería da democracia se non se chegaran a pactos entre os representantes públicos?”, reflexiona Chao, ao que engade que “os que asinan os pactos deben ter un compromiso serio e respectar o acordado”.

As súas liñas de traballo futuras reflicten un forte compromiso co benestar da veciñanza e a mellora do concello. Barreira insiste na importancia de afrontar o reto do despoboamento rural, destacando que o abandono das aldeas pode ocasionar unha diminución nos servizos esenciais. Ademais, aposta pola continuidade de medidas como o aumento e mellora do SAF, a apertura do Centro de Día e a dinamización das asociacións locais. Pola súa parte, Chao centra os seus obxectivos en ofrecer mellores servizos, fomentar o emprego local e avanzar no coidado de maiores e nenos. “A creación de solo industrial e a promoción de vivendas alcanzables son fundamentais para reverter a perda de poboación”, asegura.

A pesar das diferenzas políticas, tanto Barreiro como Chao comparten a visión de que a política local debe basearse na honestidade, na planificación e no traballo colectivo. “Non dispoño de tempo nin de carácter para unha carreira política, pero só aspiro a mellorar a vida das persoas, vivan onde vivan”, conclúe Barreira. Pola súa banda, Chao engade que o seu compromiso co Valadouro continuará “mentres vexa que podo ser útil para os intereses da vila”.

En resumo, a oposición no Valadouro, representada nesta ocasión por voces do PSOE e do BNG, exerce unha función imprescindible para garantir un goberno equilibrado e orientado ás necesidades da cidadanía. Desde diferentes perspectivas, ambos partidos traballan por un obxectivo común: facer do Valadouro un lugar máis próspero, sostible e habitable para todas as persoas.

0.16309690475464