A oposición fala: Lourenzá
Lucía Blanco
A fiscalización e o control do goberno son tarefas que lle corresponden á oposición de cada concello, que tamén se encarga de velar polas necesidades da veciñanza. O popular Roberto Díaz e Belén Fanego do BNG exercen estas funcións no municipio de Lourenzá e apostan por potenciar o turismo e o comercio local, fixar poboación e mellorar os servizos sociais. “Tratamos de estar atentos ás necesidades do concello e dos veciños, sempre estamos abertos as súas propostas para trasladalas ás institucións que corresponden. Somos os seus representantes e queremos afrontar o noso papel con responsabilidade”, di Roberto.
O popular incorporouse como número 1 nas pasadas eleccións, aínda que xa formara parte das listas encabezadas por Emma Álvarez e Javier Rodríguez e sempre estivo pendente de acadar melloras para o municipio, formando parte da asociación de comerciantes e da comisión de festas da súa parroquia, Santo Tomé. No caso da voceira nacionalista, ela presentouse por primeira vez no 1995, sendo concelleira durante 8 anos ata o 2003, pero agora decidiu regresar á vida municipal.
“Levaban anos propoñéndome encabezar a lista, mais a miña participación sempre a entendín de apoio ao resto de compañeiros. Este ano considerei que era o momento de cerrar etapas”, conta. Aportar ideas e posibles solucións aos problemas dos laurentinos, “apoiando o que está ben feito e propoñendo alternativas ás cousas que creemos que non están ben ou que se poden mellorar” resumiría ben o seu papel na corporación.
En canto á hora de desempeñar un cargo público, para ela a entrega debe ser a máxima posible dentro da disposición de cada quen e da situación persoal. “Estar na oposición, cun so concelleiro no noso caso implica facer un esforzo maior posto que toda a documentación a revisar debe pasar pola miña man, aínda que logo está o resto do grupo local que axuda no estudo e debate dos temas e fai achegas sobre os asuntos a tratar”. Esta traballadora do Sergas non ten relación laboral co Concello, senón que percibe uns 70 euros por asistencia a pleno, que se celebra cada dous meses.´
Relación laboral
Asegura que o único beneficio que persegue coa súa acción política é “mellorar o benestar e a calidade de vida das laurentinas. O contacto coa xente sempre é enriquecedor”, opinión que comparte o popular. “O gran beneficio, sen lugar a dúbida, sería a satisfacción de colaborar e axudar aos teus veciños e veciñas, que dunha forma ou doutra tamén forman parte da nosa vida”, destaca Díaz. Aínda que o cargo supón restar tempo á familia e aos amigos. “E tamén hai que buscar un equilibrio entre os deberes como concelleiros e as obrigas laborais”.
Porque, máis aló de aceptar o compromiso de asistir ao plenos, “o resto do traballo que supón, de consultar información e documentación e atención aos veciños, facémolo de forma altruísta e repartíndonos as tarefas entre os tres concelleiros do noso grupo”. Sobre as relacións co equipo de goberno, sostén que deben dar exemplo. “Aínda que teñamos diferentes ideas e puntos de vista, nun concello pequeno coma o noso, somos todos coñecidos e debemos levarnos ben. Por facer unha comparación é coma no fútbol: o que pasa no campo, queda no campo”.
“Ofrecemos rigor, traballo e, sobre todo, humildade e atención ás preocupacións da veciñanza"
Fanego mantén que son como con un veciño ou veciña máis, correctas en canto ao trato persoal, pero lamenta os tempos eternos á hora de solicitar información e expedientes. “Podemos agardar meses por un informe que deben darnos en prazo máis curto. As actas das Comisións de Goberno chegan moi tarde e as propias actas dos Plenos municipais son aprobadas con varios meses de atraso. O feito de gobernar en maioría implica que non precisen ter en conta as nosas opinións”. A nacionalista defende o traballo, implicación e transparencia do seu partido, que marcan as súas liñas de actuación.
“Ofrecemos rigor, traballo e, sobre todo, humildade e atención ás preocupacións da veciñanza e darlles participación para colaborar na busca de solucións. Caracterízanos as propostas en positivo, independentemente de que sexan tidas en conta ou non polos diferentes gobernos municipais”. Pon de exemplo as Escolas Deportivas, a promoción da Faba ou o servizo de madrugadores, “no seu momento rexeitados polos gobernos tanto do Partido Popular como do PSOE, e a día de hoxe son unha realidade importante e en expansión”. Recentemente impulsaron a recuperación do servizo de Pediatría no centro de saúde e presentaron unha moción “que foi rexeitada para a mellora do SAF e outra proposta para mellorar a estrada LU P 2801”.
Asentar poboación
"Temos moi en conta a necesidade de coidar, mimar e dotar de servizos aos nosos maiores”
Díaz afirma que a organización e traballo caracterizan aos populares. “Agora mesmo este é unha das principais carencias no Concello de Lourenzá que, como calquera administración local, precisa dun traballo planificado para atender as cuestións do día a día e para sacar adiante proxectos máis a medio ou longo prazo”. E está convencido de desenvolver políticas activas para asentar poboación, empresas e comercio, “pois cada vez quedan menos”. Aposta porque os mozos e mozas vexan Lourenzá “como un concello atractivo, polo que se debe dinamizar a vida social e de ocio, ademais de favorecer a conciliación. Tamén temos moi en conta a necesidade de coidar, mimar e dotar de servizos os nosos maiores”.
Fomentar a cultura e o turismo, nunha vila cunha gran riqueza natural, patrimonial e histórica; seguir coidando e apostando polo deporte e polo sector primario “porque temos un val con moitas posibilidades e o noso produto estrela, a faba”, acaban de completar o seu programa. Pola súa parte, Belén tamén centra a súa proposta en potenciar o comercio e o turismo local “arredor da gran potencialidade que temos en materia de patrimonio e paisaxismo” e en desenvolver políticas de asentamento de empresas, “xa que Lourenzá ten que recuperar o seu esplendor industrial e comercial”.
Os servizos protagonizan as súas preocupacións. A concelleira nacionalista quere mellorar o abastecemento, a recollida selectiva de lixo, a limpeza viaria e de beirarrúas e avoga por “uns Servizos Sociais integrais, coas persoas no centro das nosas actuacións”. Asentar e recuperar poboación con man de obra que traballe a faba, unha mellor ordenación do sector forestal para aumentar os beneficios derivados da produción de madeira, un plan integral de roza e que se cumpra a Lei de prevención de incendios mantéñense como as necesidades da vila segundo Fanego.