A oposición fala: Javier Castiñeira, do PP de Foz
Lucía Blanco
Tras oito anos no Goberno, o popular Javier Castiñeira pasou a formar parte da oposición, onde cumpre outros 5 desempeñando un labor que non sempre obtén o recoñecemento que merece. “É a veces unha función moi ingrata e o protagonismo é totalmente diferente. Estar vixiante é ingrato, gústache máis o labor institucional e de goberno, pero está claro que hai que asumir o cargo coa ilusión que merece e ademais a opinión dos cidadáns ten que estar por enriba de todo”, conta.
Ese cambio de responsabilidades non o fixeron dubidar da súa dedicación pola xestión municipal. “Despois de tanto tempo no Goberno, igual pensas en irte para outro posto diferente, pero a min a administración local gústame dende o punto de vista que toque”. Entre as funcións que desempeña a oposición, máis aló do seu “fin construtivo”, sinala a fiscalización do Goberno. “É necesario, aínda que non sexa o que mais che guste. Toca pedir responsabilidades e que se cumpran os compromisos que prometeron na campaña. E tamén intentar convencer ao Goberno de que as cousas que propós son positivas, pero é algo recíproco, pero o equipo de Goberno tamén debe saber asumir ese rol e non sempre se cumpre”.
Súmase a este papel, a necesidade de detectar as necesidades da veciñanza. “Estamos preto deles. Ás veces cando estás no Goberno a xente igual non se atreve a comentarche melloras e dende a oposición tes unha realidade diferente, hai que ter en conta iso porque non cabe dúbida de que é importante”. No mes de setembro, continúan as obras de canalización de impulsión da nova depuradora do concello, precisamente unha das prioridades para os populares. “Fixemos o seguimento para que se empezara canto antes a depuradora, que para nós era fundamental e sobre o que xa traballamos no seu día cando estábamos no goberno.
Dentro das boas relacións coa Xunta, conseguimos o financiamento e situala no sitio que fora o menos lesivo posible”. Neste sentido, sinalaban como prioritario o arranxo do colexio rural de Nois, que afecta a unhas 4 parroquias, e un novo auditorio municipal. “Cremos necesario dotar a Foz destas instalación, pero nestes 5 anos de goberno socialista seguimos como estábamos, non se fixo ningunha xestión”, conta.
Mellorar as infraestruturas portuarias
Tampouco se esquecen do asilo. “Segue como estaba ou peor, non se lle dá un mantemento a ese edificio tan importante. Non se conseguiron máis prazas de residencia que necesita Foz, unha dotación que se fixo cando nos estivemos no Goberno, pero necesitamos da implicación doutras institucións”. Precisamente xoga un papel relevante esa colaboración entre as administración. “Moitas veces é de onde teñen que vir os cartos e hai que aproveitar esas sinerxias. Eu sempre me queixei da Deputación porque non tratou ben ao Concello mentres eu estiven de alcalde, pero agora que teñen a posibilidade desa proximidade vemos que tampouco se está aproveitando”.
No seu caso, destaca que aproveitan as relacións co Goberno autonómico para mellorar as infraestruturas portuarias da vila, entre elas a dársena de Portochico, apoiando tamén a colectivos como Ribeira e o Club Náutico e mesmo a Confraría de pescadores. En canto ao núcleo urbano, lamenta o estado e a falta de humanización do centro. “Ademais, suxerimos que se siga facendo urbanismo, mellorando o plan xeral. Hai que rematar o PEPRI, o plan especial da reforma interior da zona centro, que está sen facer. Parece que nos asuntos importantes non queren meterse. O pobo está paralizado”.
En canto ás relacións co Goberno critica que non se estea contando co Partido Popular a pesar da súa experiencia na Alcaldía. “Estamos corrixindo moitos dos fallos que ás veces se están cometendo, facemos suxerencias pero non se ten en conta o noso traballo. Non nos chaman nin para preparar os orzamentos, os asuntos cando os atopamos no pleno a penas veñen traballados e pouco se nos informa”.
Por iso, a idea principal para eles é retomar o Goberno, porque “porque queda demostrado que Foz mellora ou mellorou se o Partido Popular goberna”, aínda que as pretensións de Castiñeiras a nivel persoal están máis que cumpridas. “Puiden servir ao meu pobo primeiro como alcalde e logo como portavoz da oposición. Non hai maior orgullo que ese. Espero seguir sendo útil evidentemente para o pobo e que o partido siga sendo forte como así está demostrando”.