A oposición fala: Cervo
Por Ana Somoza / Lucía Blanco
A fiscalización e o control do goberno son tarefas que lle corresponden á oposición de cada concello, que tamén vela por detectar as necesidades da veciñanza. Luján Ramos do PSOE e Diego Fernández do BNG exercen estas funcións no municipio de Cervo e apostan por fixar poboación, impulsar o rural, mellorar os servizos e o transporte na vila mariñá. “Unha cuestión fundamental que debemos cumprir os concelleiros da oposición é estar en continuo contacto coa veciñanza para atender as súas demandas e ser fío condutor das súas necesidades coas institucións que poidan dar solución das mesmas”, así resume o seu labor Ramos, que entrou na política local fai 9 anos.
“Os compañeiros da agrupación falaron comigo para que os acompañase e, despois de pensalo detidamente, decidín dar un paso adiante e aceptar. Agora sigo aquí traballando coa mesma ilusión que cando empecei. Iso si, con moita máis experiencia”. A ela atraíalle a idea de saber como se facían as cousas de portas para dentro no Concello, porque “sendo un cidadán da rúa todo nos parece raro e a mellor forma de sabelo é meténdose de cheo”, pero a súa familia tamén influíu nesa incursión na vida municipal.
“Na miña casa fálase á miúdo de política de forma aberta e clara. Sempre fomos simpatizantes do Partido Socialista e as ideas de esquerdas téñoas moi interiorizadas e forman parte da miña vida dunha forma natural”. Ambos coinciden en que formar parte da oposición non é unha tarefa sinxela, porque supón aparcar parte da túa vida persoal para enfocarse no traballo municipal. “Investimos moito en investigar e preparar as sesións plenarias, en revisar a documentación das obras ou en comprobar se funcionan ben os servizos municipais”, asegura Luján. Precisamente o que máis valora Fernández, que exerce como concelleiro e voceiro nacionalista dende xuño de 2019, é o traballo, porque “facer un control de goberno leva moito tempo a semana”, sinala o nacionalista.
Diego, que comezou a colaborar co partido no 2014, define o seu grupo municipal como dialogante: “Pretendemos construír en positivo e sempre cun claro obxectivo: facer un Cervo mellor”. Nesa vinculación política tivo moito que ver a súa traxectoria profesional. “Xorde a raíz de ser delegado sindical no meu centro de traballo, sempre me gustou poder axudar á clase traballadora coa que me sinto identificado totalmente e o BNG é un partido que defende prioritariamente os intereses dos traballadores e das traballadoras e do conxunto das clases populares”, conta.
A vivenda como demanda
Eles non teñen relación laboral co Concello, senón que perciben “unha cantidade indemnizadora pola asistencia a plenos”, detalla a socialista, que foi a número 2 do seu partido nos últimos comicios. A condición económica da primeira lexislatura foron “50 euros por pleno, tendo unha media de 7 plenos ao ano. Nesta lexislatura a contía por pleno son 200 euros e estímase unha media de 6 plenos”, explica Diego Fernández. Polo que o contacto coa xente e axudar aos cervenses son as grandes recompensas.
As relacións co equipo de goberno aseguran que son boas e recalcan a relevancia do diálogo e dos acordos para avanzar. Como exemplos de boas actuacións por parte o Goberno actual, Ramos lembra a Estación da Depuradora. “Era unha idea boa porque se trata dunha infraestructura cun funcionamento ecolóxico e pioneira en Galicia. Pero, está visto que os sucesivos equipos de goberno do Partido Popular en Cervo non souberon xetionala e non está dando o resultado esperado”. Fernández salva “moi poucas cousas”, entre elas o programa Concilia, que é “algo bo, aínda que se podería mellorar tendo unha planificación máis ordenada e con máis calidade das actividades”.
"Fai falta fixar poboación e para iso hai que redactar o Plan Xeral de Ordenación Municipal”
Na liña de conseguir que “o Concello sexa un referente e que os veciños e veciñas teñan a maior calidade posíbel de vida”, o voceiro do BNG no municipio sinala a vivenda como unha das demandas entre os máis novos. “É un problema que levamos arrastrando de fai moitos anos e que o actual Goberno non é capaz de solucionar. Fai falta fixar poboación e para iso hai que redactar o Plan Xeral de Ordenación Municipal”. Ademais do PXOM, apostan “por humanizar espazos e acabar co feísmo provocado polo Goberno do PP demolendo os edificios inacabados”. Todo coa transparencia como base: “Un concello sen transparencia é un concello secuestrado, iso é algo innegociábel. Faríamos políticas na que os veciños sexan participes do futuro do municipio, como orzamentos participativos por parroquias”.
Impulsar o rural
Para os maiores reclama “servizos dignos e de calidade, sobre todo no rural”. Precisamente impulsar o rural, “dotándoo de servizos que a día de hoxe non teñen, como unha conexión de banda ancha, o saneamento ou o cumprimento das franxas de protección as vivendas e estradas” ocupan boa parte do programa. A concelleira socialista coincide en que “mirar máis cara ó rural” mantense como unha das contas pendentes do Goberno local. “Queda moito por facer nos núcleos máis pequenos. Os servizos teñen que facerse presentes tamén alí”, necesidade á que suma o problema para fixar poboación.
“Vemos que imos diminuíndo pouco á pouco e ademais, vai envellecendo: deberíamos pór en marcha programas de vivenda para os novos, tamén potenciar servicios que axuden a conciliar o traballo cos menores e cos máis maiores da casa”, di Luján. Crear prazas no centro de día no rural e mellorar o mantemento xeral de vías, edificios municipais e parques forman parte do seu programa, no que tamén inclúen un programa de transporte dentro do Concello. “Temos que traballar para buscar unha solución da mobilidade dentro do Concello e tamén de portas a fóra, xa que carecemos de medios de transporte colectivos cuns horarios axeitados”. Pide, ademais, facer máis forza como comarca.
"Deberíamos pór en marcha programas de vivenda para os novos"
“A Mariña ten un problema de infraestruturas viarias que hai que solventar xa. Os Gobernos Autonómico e Central teñen que comprometerse e rematar as dúas infraestruturas viarias que vertebrarían perfectamente a comarca; pero para iso, os concellos temos que remar todos na mesma dirección, sen importar a cor política”.