A oficina rural de Foz renóvase para fortalecer o agro da Mariña

A Consellería do Medio Rural continúa a súa aposta pola modernización da rede de oficinas no rural galego. Este xoves, a conselleira María José Gómez achegouse ata Foz para supervisar a renovación integral da oficina rural da localidade, acompañada polo secretario xeral técnico do departamento, Jorge Atán. A actuación, que contou cun investimento superior aos 32.000 euros, centrouse na mellora do mobiliario e busca, segundo explicou a titular de Medio Rural, “ofrecer unha atención máis eficaz, moderna e próxima ao sector agrario da zona”.
Estas instalacións, situadas na vila focense, prestan servizo tamén aos concellos veciños de Alfoz, Burela e O Valadouro, converténdose nun punto estratéxico para a xestión agraria na Mariña. Só no pasado ano 2023, tramitáronse desde esta oficina máis de 250 solicitudes vinculadas á Política Agraria Común (PAC), o que, para a conselleira, “amosa a importancia que ten para os profesionais do agro e para a xente nova que se está incorporando ao sector”.
Durante a visita, Gómez fixo fincapé no papel destas oficinas como espazos de acompañamento técnico para a mocidade rural. “Estamos a realizar titorías prácticas sobre nutrición sostible de solos, como a que se está levando a cabo esta mesma semana, e agradecemos o traballo dos técnicos, que son un piar fundamental para apoiar a quen comeza neste camiño”, afirmou.
Esta actuación enmárcase dentro do Plan de Infraestruturas 2021-2026 da Consellería do Medio Rural, cun orzamento global de 43 millóns de euros. Un total de 8 millóns están dirixidos exclusivamente á mellora das 59 oficinas rurais repartidas por toda Galicia, segundo lembrou a conselleira. “Queremos reforzar a presenza do noso departamento no territorio, mellorar a atención ao sector primario e fortalecer tamén a prevención de incendios e a xestión forestal”, indicou.
A conselleira subliñou que con estas melloras, a Xunta reafirma o seu compromiso cun rural vivo, produtivo e con servizos públicos á altura das necesidades actuais. “O obxectivo é que a cidadanía poida acceder á administración con comodidade, sen ter que desprazarse a grandes cidades”, engadiu.
Aproveitando a súa visita, María José Gómez expresou tamén a súa inquedanza pola nova proposta da Comisión Europea en relación coa PAC a partir de 2027. Segundo sinalou, o texto publicado “vai en contra dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos”, pois reduce en máis dun 20% o fondo principal e pon en risco o Feader, un instrumento clave para o desenvolvemento rural e o apoio ás explotacións sostibles.
“Galicia leva tempo demandando unha PAC con recursos suficientes, con dous piares claros e cun fondo diferenciado. E o que se nos presenta agora é unha regresión”, advertiu. Por iso, avanzou que o Goberno galego, en sintonía con outras comunidades autónomas, solicitará ao Ministerio de Agricultura a convocatoria urxente dunha Conferencia Sectorial específica para abordar este asunto.