A obra 'O Xuízo' chega este sábado ao Vicedo para falar en e do galego

AMariñaXa
Esta cita cultural forma parte da programación de outono da Casa da Cultura
obra-de-teatro-o-xuizo
17 Oct 2025

O Concello do Vicedo volve apostar pola cultura e as artes escénicas. O vindeiro sábado 18 de outubro, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura acollerá unha nova representación teatral a cargo da compañía Metátese Teatro, que presentará a obra O Xuízo.

A entrada será de balde ata completar aforo, ofrecendo á veciñanza unha oportunidade para gozar do mellor teatro galego sen saír do municipio.

O Xuízo propón unha reflexión divertida e chea de ironía sobre a relación dos galegos coa súa propia lingua. A través dun xuízo simbólico, no que se examinan diferentes casos e situacións reais, o público convértese en testemuña —e tamén en parte do tribunal— encargado de decidir se certos comportamentos cotiáns son ou non “culpables” de atentar contra o uso e o respecto polo galego.

Con humor, crítica e moita empatía, Metátese Teatro convida a rir e a pensar sobre o valor do noso idioma, nun espectáculo á vez didáctico e entretido que promete emocionar e facer reflexionar ao público.

Esta cita cultural forma parte da programación de outono da Casa da Cultura do Vicedo, que continúa a ofrecer propostas escénicas de calidade para todos os públicos.

⚙ Configurar cookies
0.075488090515137