A obra Lara Hierro estrea espectáculo en Burela
O venres 29 de abril a casa da cultura de Burela acollerá ás 21.00 horas a estrea de Lara Hierro, un espectáculo multidisciplinar protagonizado por tres mulleres da xeración milenial.
Lara pon o movemento, Alma a voz e Pneuma a música para falar da fráxil situación do sector cultural e da crise emocional, social e medioambiental que estamos vivindo. As tres figuras que compoñen a peza navegan entre o mundo cotiá e un plano de ensoño onde os seus corpos e discursos se encontran.
Lara Hierro é unha chamada ao recoñecemento dos sentimentos de frustración, parálise e esgotamento provocados pola pandemia e a precariedade inherente á nosa xeración.
Un espectáculo de carácter poliédrico dirixido a un público adulto onde as ferramentas a través das que falan son a danza, a palabra, a música e a imaxe audiovisual. Actividade organizada pola área de Muller e Igualdade do Concello de Burela. Entradas na billeteira por 3 euros.