A obra do aparcadoiro do Fuciño do Porco vai a bo ritmo
O Concello do Vicedo comunicou o estado no que se atopan as obras do aparcadoiro do Fuciño do Porco que está a realizar a empresa coruñesa Sergonsa Servicios SL.
O alcalde vicedense, Jesús Novo, informou de que "as obras van a bo ritmo e poderían estar rematadas en Semana Santa".
Nun principio estimábase que habería 180 prazas, "pero co POL, plan de ordenazion do litoral, haberá que baixalas a 140", dixo Jesús Novo.
Así mesmo, a orografía do terreo obriga a levantar muros, poñer peches perimetrais e barandas, e acondicionar o acceso para o paso dos vehículos, por iso despois dos traballos de despexe da vexetación baixa como matorrais e dos eucaliptos, moi prolíficos na zona, haberá que achandar o terreo.
Segundo o rexedor estas obras fanse baixo o nome de Aparcamento en Alegrín, e ocupan unha superficie de 5.000 metros cadrados trala compra por parte do Concello dunhas parcelas veciñais.
Este proxecto, que foi licitado por 295.576 euros e finalmente adxudicouse por 260.576 euros, xa que a empresa con sede na Coruña presentou unha baixa de 35.416 euros.