A nova edición do Ribadeo Indiano volve poñer en valor o legado da emigración

AMariñaXa
O IX Ribadeo Indiano, que se celebrará do 12 ao 14 de xullo e que está organizado polo Concello e por Acisa, xa ten cartel.
presentacion cartel Ribadeo Indiano
1 May 2024

O IX Ribadeo Indiano, que se celebrará do 12 ao 14 de xullo e que está organizado polo Concello e por Acisa, xa ten cartel. Un evento no que “levamos traballando dende hai varios meses coa ilusión de seguir a mellorar e espallar polo mundo adiante o que se ten convertido nunha das referencias fundamentais do verán”, contou a concelleira de Turismo, Marta Saiz.

Esta edición está dedicada á alma de dous mundos. “Con esta temática tentaremos plasmar a realidade que se vivía aos dúas marxes do Atlántico, e dar a coñecer e á vez valorar o legado que a emigración deixou na nosa sociedade: un importante patrimonio arquitectónico, tanto en arquitectura doméstica como pública (escolas, casinos, cinemas, cemiterios, fontes, igrexas etc), e unha influencia nas sociedades da época, na industrialización, o comercio, a moda, os costumes, a gastronomía…”.

Dete xeito, ofrecen un programa cargado de propostas diferentes “para facer que o Ribadeo Indiano reluza con máis esplendor". Nun afán de remarcar o contido cultural do evento, as antevésperas e vésperas aumentan o seu protagonismo. “Desta maneira, contaremos con múltiples e diversas actividades que se repartirán durante o mes de xuño e comezos de xullo: visitas guiadas, obradoiros de repostería indiana para hostalería e familias, monicreques, teatro, etc.... e algunha sorpresas máis que irmos revelando ao longo das vindeiras semanas”.

Xa os días centrais, 12, 13 e 14 de xullo, non faltarán conferencias, exposicións, actuacións musicais, actividades de rúas, xincanas, actividades infantís, talleres de bailes, verbenas tradicionais. Ao igual que o esperado Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana que terá lugar o sábado 13 de xullo. Tamén, volverán contar cun mercadiño de produtos de ultramar e a concentración de coches clásicos.

Gran atractivo para a hostalaría

Como novidade, o Ribadeo Indiano será presentado formalmente nas capitais galega e asturiana. O 31 de maio será en Santiago de Compostela e o 7 de xuño en Oviedo. Pola súa parte, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que se trata da fin de semana “máis importante do ano para a hostalería e para o comercio e duns días moi fortes para os aloxamentos, sobre todo de Ribadeo, pero tamén doutros concellos tanto de Galicia como da veciña Asturias. A estas alturas xa podemos adiantar que a ocupación hoteleira está practicamente ao 100 % na nosa vila”.

Cruzado Iglesias indicou que “o traballo non se detén, continúa, para que do 12 ao 14 de xullo, un ano máis, todas e todos nos impregnemos da cultura indiana e lembremos a aquelas e aqueles ribadenses que se foron de aquí na busca dun futuro mellor para eles e para as súas familias”. Un legado que está moi presente en moitos recunchos de todo o concello. “E iso é importante telo moi presente, nós como adultos, e que as xeracións mais noviñas tamén sexan conscientes”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1741840839386