A nova concesionaria da limpeza en Burela, fixo cambios de horario no punto limpo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A nova empresa concesionaria do servizo de limpeza no Concello de Burela, Urbaser, comezou a traballar.
17 Xuño 2020

A nova empresa concesionaria do servizo de limpeza no Concello de Burela, Urbaser, comezou a traballar. Entre as novidades prodúcense cambios de horario no punto limpo.

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, dixo que “a nova empresa do servizo de limpeza de Burela empezou este luns a traballar. Está a facer unha limpeza máis exhaustiva das beirarrúas, entre outras cousas, ademais de recoller o lixo”.

A edil subliñou que “haberá cambios e ampliación do horario de atención ao público no caso do punto limpo. A partir de agora estará aberto de 16.30 a 20.30 horas de luns a venres e os sábados de 9.00 a 13.00 horas”.

Eijo engadiu que “polo que se refire á recollida domiciliaria de enseres as persoas que queiran solicitar este servizo deberán chamar ao número de teléfono 626 763 142. Tamén cambiou este contacto posto que antes os interesados chamaban á anterior empresa, a Geseco. Os enseres terán que depositarse os martes pola noite ou os mércores pola mañá, preto do contedor, sempre previo aviso”.

Desde a Concellería de Medio Ambiente fan unha chamada á responsabilidade da veciñanza “para que sigamos a reciclar e non baixemos a garda, para que depositemos o lixo, o cartón e o vidro nos contedores correctos e para que non deixemos residuos nas beirarrúas, nos parques, nas rúas… queremos que Burela estea o máis limpa posible, pero para iso tamén temos que contar coa colaboración de todas e todos”.

0.18813514709473