A música será a protagonista de Concertos na Fin do Mundo no faro de San Cibrao
A música, en harmonía co ruxir das ondas e cos sons da natureza, será a protagonista principal de Concertos na Fin do Mundo no faro de San Cibrao. Co obxectivo de que a experiencia musical se integre o máximo posible coa contorna, gozarás dunha proposta escénica e dun repertorio adaptado á singularidade de cada espazo.
O evento será o día 10 de setembro e dará comezo ás 20.30 horas cunha sesión DJ da man de Russinha, creando un momento de desconexión que che permitirá gozar da paisaxe e fusionarte coa contorna.
Ás 21.00 horas comezará a actuación da cantante galega Yoly Saa. A música de Russinha acompañarrá de novo mentres se fai un rápido cambio de escenario. E, ás 22.00 horas poderase gozar da actuación de Mikel Erentxun, xa ao luar.
Habilitarase unha zona de aparcadoiro reservado na zona portuaria de San Cibrao. Esta zona será de uso exclusivo para os asistentes ao concerto, polo que haberá que presentar a entrada ao persoal de control e antes de acceder ao aparcadoiro.
Dende alí, terase que cruzar San Cibrao até o barrio da península e camiñar un treito duns 500 metros polo paseo que se dirixe ao faro. O camiño está totalmente alumeado polo que, ao finalizar o concerto, resultará sinxelo percorrelo de volta.
O acceso en coche ao faro estará cortado, polo que che recomendan o uso do aparcadoiro reservado e o posterior acceso a pé.
As entradas poderán mercarse na páxina web do evento.