A música en galego protagoniza a mostra GALEGOZA no IES de Ribadeo

O Instituto de Ensino Secundario de Ribadeo Dionisio Gamallo acollerá a Mostra Galegoza sobre música en galego a partir do xoves 6 de febreiro. Esta iniciativa, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ten como obxectivo dar a coñecer ao público máis novo a ampla oferta musical existente na nosa lingua.
A exposición permanecerá no hall de entrada do centro ata o 20 de febreiro e ofrecerá un percorrido histórico pola música en galego, desde os anos sesenta ata a actualidade. A mostra inclúe información sobre as bandas e solistas máis representativos de diferentes estilos musicais, desde a revisión de ritmos tradicionais ata o pop, rock, canción de autor, experimentación, electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap. Ademais, incorpora códigos QR con acceso directo a listas de reprodución elaboradas para o proxecto, permitindo aos visitantes escoitar os temas seleccionados.
Esta actividade está organizada polo departamento de Música, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e a Vicedirección do centro. Ademais, contarase cunha unidade didáctica arredor da exposición para introducir a música en galego noutros proxectos educativos.
A inauguración oficial da mostra terá lugar o propio xoves 6 de febreiro, cun acto previsto para as 13:00 horas no que participará o alumnado de 2º da ESO. Durante o evento, o comisario da exposición, Pepe Cunha, guiará un roteiro explicativo sobre o contido da mostra. Ademais, está confirmada a asistencia dun representante da Deputación de Lugo, reforzando o apoio institucional a esta iniciativa cultural.