A música electrónica volve soar en Viveiro co festival ETHER

O festival ETHER: An Electronic Odyssey xa quenta motores en Viveiro. A cita, que celebra a súa oitava edición, terá lugar o sábado 19 de xullo no Parque Pernas Peón, un amplo espazo verde situado a poucos metros da praia de Covas. Alí, os asistentes poderán vivir unha experiencia singular nunha contorna natural “que respira liberdade”, segundo apuntan desde a organización.
Como novidade, o evento incluirá este ano a colaboración ETHER X HAPP!, unha proposta gratuíta que se celebrará o xoves 17 e o venres 18 de xullo tamén no parque viveirense. Será un punto de encontro pensado “para todas as idades, con cervexas, hamburguesas e música house e disco”, buscando un ambiente relaxado e festivo antes da gran xornada do sábado.
O cartel principal do ETHER incluirá nove artistas nacionais e internacionais, cun protagonismo claro do techno. Desde a organización destacan nomes como Deetron Presents Soulmate, veterano do xénero con máis de tres décadas de carreira; DJ Swisherman, referente do hardgroove e con presenza habitual en festivais de Europa, Australia e Estados Unidos; ou Elba, unha artista polifacética coñecida pola súa capacidade para fusionar diferentes estilos da música electrónica.
A programación completarase coa participación de Luxi Villar, Pergo, Isma B, Karras Martínez, Irene Castro e Muiños, representantes da escena galega e estatal. “É un cartel coidadosamente seleccionado para que os asistentes desfruten dunha noite cargada de sons intensos e bailables”, sinalan desde ETHER.
O evento contará cunha destacada montaxe de iluminación, food trucks e amplas zonas de descanso. Tamén se habilitará un cámping privado económico xusto ao carón do recinto, así como amplas zonas de aparcamento. Viveiro, ademais, ofrece múltiples opcións de aloxamento para os visitantes.
As entradas para o sábado están xa dispoñibles na plataforma Entradium cun prezo reducido ata o venres á medianoite. Desde a organización fan un chamamento aos afeccionados á música electrónica para que “non deixen pasar a oportunidade de vivir ETHER no corazón verde de Viveiro”.