A música e a memoria de Castelao regresan a Barreiros da man de Lucus Ensemble

AMariñaXa
O grupo lucense ofrece este sábado un concerto con entrada libre no centro sociocultural de San Cosme
barreiros-cafetería-sociocultural
22 Apr 2025

Barreiros será escenario este sábado, 26 de abril, dunha proposta cultural singular que mestura música e memoria. O grupo de cámara Lucus Ensemble ofrecerá o concerto “Percorrendo Castelao” no centro sociocultural de San Cosme ás 19:00 horas, con entrada libre ata completar aforo.

O espectáculo propón unha viaxe sonora e visual pola traxectoria vital e creativa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, persoeiro esencial da historia de Galicia. A actuación incluirá pezas musicais interpretadas en directo que se acompañarán de proxeccións audiovisuais, creando un relato que evocará os primeiros pasos artísticos de Castelao, así como algúns dos momentos máis relevantes da súa vida, tanto no ámbito político coma no cultural.

Lucus Ensemble regresa a Barreiros despois do seu paso pola vila no ano 2022, unha visita que deixou un grato recordo entre o público pola excelencia da súa posta en escena. O concelleiro de dinamización, Dani García, subliña que “é fundamental poder contar en Barreiros con espectáculos desta calidade, que achegan a nosa cultura e historia á cidadanía dun xeito tan coidado e atractivo”.

Esta actividade enmárcase dentro da colaboración entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros, que manteñen o seu compromiso con achegar propostas culturais galegas ao conxunto da veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.20949697494507