A mostra 'Que no te atrapen' visitará os centros de ensino de Ribadeo
As concelleiras de Benestar Social, Cultura e Educación, Elena Sierra e Begoña Sanjurjo, presentaron Que no te atrapen, unha actividade organizada desde o Programa de Prevención de Adiccións en colaboración co CIM. Está situada no colexio Sagrado Corazón, onde permanecerá durante dúas semanas.
Ambas explicaron que “se trata dunha exposición itinerante que percorrerá os centros de ensino que teñen alumnado de ESO. Son 14 roll ups con contidos sobre as pantallas e a saúde física e mental, as redes sociais, xogos de azar, etc. Acompáñase cun caderniño para cada alumno, no que se tratan máis profundamente os temas antes mencionados, de maneira clara e sinxela, con consellos e exercicios”.
E indicaron que “esta mostra ten como finalidade apoiar os coñecementos adquiridos polo alumnado nos obradoiros organizados polo CIM e desenvolvidos o pasado mes de novembro (Conectados da Asociación Aliad Uteria e Obradoiro de Ciberseguridade impartido por Mª José Garrido)”.
As autoras deste programa son as doutoras en psicoloxía e expertas en adiccións comportamentais Dominica Díez e Nuria Aragay.