A Mostra Cativa do Valadouro encherá de tradición a Casa da Cultura

O vindeiro domingo 22 de xuño, ás 18:30 horas, a Casa da Cultura do Valadouro converterase nun escenario de festa, música e identidade coa celebración dunha nova edición da Mostra Cativa, un encontro que ten como protagonistas aos máis pequenos e pequenas da Asociación Cultural Amado Lar.
Nesta edición de 2025, os cativos e cativas do Valadouro estarán acompañados por dúas recoñecidas agrupacións: a Asociación Amigos da Gaita Galega de Ribadeo e a A.C. Osorio Gutiérrez de Lourenzá, que tamén subirán ao escenario para compartir co público as súas propostas cheas de tradición, folclore e entusiasmo xuvenil.
Desde a organización destacan que esta Mostra Cativa é moito máis ca un festival: é unha oportunidade para visibilizar o traballo de formación e transmisión cultural que se realiza ao longo do ano con nenos e nenas, fomentando a conexión coa música tradicional, os instrumentos populares e as danzas que forman parte do noso patrimonio inmaterial.
“A participación dos máis pequenos é sempre emocionante. A súa entrega, a súa alegría e o seu interese polas nosas raíces son un motor para seguir apostando pola cultura desde a base”, sinalan desde Amado Lar, que agradecen unha vez máis a colaboración da Concellería de Cultura do Concello do Valadouro, cuxa implicación fai posible este tipo de encontros.
A Mostra Cativa consolidouse xa como unha cita imprescindible no calendario cultural do Valadouro, sendo tamén un espazo de convivencia entre agrupacións doutros concellos e un reflexo da vitalidade que segue tendo a cultura galega entre a mocidade.