A mostra 'Castelao grafista (facsímile)' chegará a Ribadeo
Afundación de ABANCA e o Concello de Ribadeo rubricaron hoxe na Casa do Concello, un convenio para expoñer a mostra 'Castelao grafista (facsímile)'. Ao acto asistiron Daniel Vega Pérez, alcalde de Ribadeo; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Óscar Rodríguez; Ángel Luis Macía, director da oficina de ABANCA en Ribadeo; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
A exposición 'Castelao grafista (facsímile)', que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha selección rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración. Estes dous intereses confluíron nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Galega, nas cales a ilustración e o texto reflicten a aceda crítica dun Castelao cada vez máis comprometido. Esta forma de arte e denuncia acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas dá vida (1930) e os álbums de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938).
No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, 'A derradeira leición do mestre', unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937. Nela, Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de estado de 1936.
A mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum 'Cousas da vida de Castelao'. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas e debuxos e portadas de revistas.