A mostra A memoria do son, chega a Lourenzá
O xoves 3 inaugúrase en Lourenzá a mostra A memoria do son, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación de Lugo. A mostra poderá verse na sala de exposición do Concello ata o 18 de marzo.
A exposición, cun formato itinerante pensado para achegar as distintas localidades o patrimonio musical da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad, inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez ou dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.
Os fondos instrumentais complétanse con melodías, accesibles a través de códigos QR, que ofrecen a oportunidade de escoitar o son de cada un dos instrumentos expostos, valorar as pegadas herdadas e conservadas na música tradicional actual e as posibilidades que ofrecen para a interpretación de novas músicas.
A mostra tamén inclúe propostas interactivas, como un salterio no que as persoas visitantes poderán interpretar melodías de cantigas de Afonso X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.
A exposición, que puido verse nos últimos meses en Sarria, Monforte e Cervo, conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamen dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño (http://cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/catalogo_a_memoria_do_son.pdf)