A mocidade de Cervo aprende a sementar conciencia ambiental

O Concello de Cervo, a través da súa área de Medio Ambiente, está a desenvolver esta semana dúas xornadas de reforestación con árbores autóctonas que contan coa implicación activa de máis de 80 escolares dos colexios CEIP de Cervo e CEIP Península da Paz. A iniciativa realízase coa colaboración da empresa Alcoa e da organización Ecoherencia.
A primeira plantación tivo lugar este mércores nunha parcela municipal no Monte da Escarabelada, en Sargadelos, onde o alumnado do CEIP de Cervo coñeceu de preto o valor dos ecosistemas forestais. A actividade contou coa participación da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, de Zaloa Blanco en representación de Alcoa, e do coordinador de Ecoherencia, Pablo García.
Durante a xornada plantáronse 100 exemplares de especies autóctonas como castiñeiros, carballos, cerdeiras e bidueiras. Segundo explicaron desde a organización, o obxectivo é que as nenas e nenos aprendan, de forma práctica e vivencial, a importancia de coidar e aproveitar de xeito sostible os montes galegos.
O venres 11 será a quenda dos estudantes do CEIP Península da Paz, que repetirán a experiencia con outra plantación doutras 100 árbores nunha finca municipal situada en Cuíña.
A concelleira Mali Méndez destacou que “con estas accións non só reforestamos a nosa contorna, senón que sementamos conciencia ambiental entre as xeracións que herdarán estes montes”. Lembrou ademais que a reforestación é unha das liñas estratéxicas do Concello de Cervo, que leva plantadas máis de 10.000 árbores autóctonas en 25 hectáreas nos últimos quince anos.